A concellería de Cultura e Normalización Lingüística volve agasallar todas as familias cunha actividade enmarcada dentro do programa APEGO. Nesta ocasión o Auditorio Municipal acolle este venres, día 16 de novembro ás 17:30 horas o espectáculo “Brinca Vai! De aquí a acolá “, de Paco Nogueiras.
Brinca Vai, De aquí e de acolá é un espectáculo baseado no libro-CD “Brinca Vai”, editado por Kalandraka editora, no que se combinan cancións, animacións e interpretacións e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos.
O músico e actor Paco Nogueiras cos seus instrumentos levará aos cativos por unha divertidísima viaxe chea de humor, baile e cancións. A alegría, a amizade, os libros, a poesía, a ecoloxía, as festas do ano serán parte da equipaxe. Unha fantástica oportunidade de brincar e de pasalo ben cos amigos e amigas nun particular camiño onde a música soa con forma de sorriso.
Esta actividade é de balde e forma parte dun conxunto de actividades realizadas de xeito mensual que fomentan a vinculación das familias co galego, dentro do proxecto APEGO.
APEGO é un programa colectivo dirixido a fomentar e a facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e das nenas entre 0 e 6 anos no noso idioma, para o que se desenvolven materiais, facilítanse e difúndense recursos, deséñanse e prográmanse actividades para nais e pais e para nenos e nenas, etc.
Todas aquelas persoas interesadas en participar neste proxecto poden pórse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, onde recibirán toda a información precisa.
https://www.youtube.com/watch?v=TDwT_igWUZE