O salón de actos do IES As Barxas de Moaña (Fonte do Unicornio, 2) acollerá mañá mércores a partir das 17:00 horas, o concerto de presentación do novo libro cd-dvd de Paco Nogueiras. "Radio Bulebule", publicado por Kalandraka, con ilustracións de David Pintor e videoclips dirixidos por José Miguel Sagüillo. O espectáculo é de balde, con entrada libre ata completar o aforo do recinto.
As cancións dispóñense ao xeito da grella de programación dunha peculiar emisora na que non faltan sintonía de entrada, axenda cultural, magazine de variedades, faladoiro, noticias, información deportiva e ata previsión meteorolóxica. Intercalados entre os doce temas tamén están presentes as transicións, os indicativos, os sinais horarios e outros elementos sonoros propios do medio radiofónico, co que o Paco Nogueiras destaca o papel da comunicación como canle de expresión e coñecemento, intercambio de opinións, nexo entre culturas e exemplo de avance tecnolóxico.
Os ritmos modernos, pegadizos e bailables caracterizan estas composicións, seguindo o estilo de “Brinca vai!”. Co que fora o seu primeiro traballo discográfico propio, Paco Nogueiras recibiu o Premio Martín Códax da Música 2016 na categoría infantil e durante os últimos anos percorreu numerosos escenarios, festivais, escolas e bibliotecas de toda Galicia.
Tanto nas ilustracións de David Pintor para o libro impreso como na posta en escena dos espectáculos, Paco Nogueiras consolida a inconfundible fisonomía do seu personaxe, cos seus lentes, a vestimenta azul e o inseparable chapeu; elementos que tamén están presentes na estética dos videoclips das cancións, artellados ao xeito dunha curtametraxe.
“Radio Bulebule” contou coa colaboración do músico e comunicador Xurxo Souto e da asociación Ponte... nas ondas!, que asinan -respectivamente- o limiar e o colofón da obra. Ademais, participan unha ducia de xornalistas -Ainhoa Apestegui, Emilio Españadero, Xabier Fortes, Pablo Lago, Susana Pedreira, Xosé Manuel Pereiro, María Xosé Rodríguez, Ana Romaní, Henrique Sanfiz, Tino Santiago, María Solar e Fernanda Tabarés- achegando impresións e anécdotas profesionais.
"Radio Bulebule" contará coa participación activa de pequenos e maiores. Ao remate do show, Paco Nogueiras asinará exemplares.