Proposta para a cativada en Ponteareas. O auditorio municipal Reveriano Soutullo acolle este sábado 25 de xaneiro, ás 12:00 horas, o contacontos teatral “Paxariños” a cargo de Trinketrinke Teatro dirixido a nenas e nenos de entre 1 e 4 anos.
“Paxariños” trata, a través de varios contos, do nacemento dos paxariños e dos preparativos necesarios para recibilos da mellor maneira posible e no que a actriz achégase directamente ás nenas e nenos ao estar estes sobre o escenario. Esta actividade é completamente de balde.
Para poder participar nesta actividade é necesario facer a inscrición previa no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas. Esta proposta de ocio infantil forma parte dun conxunto de actividades realizadas de xeito mensual para fomentar a vinculación das familias co galego, dentro do proxecto Apego, un programa colectivo dirixido a fomentar e a facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e das nenas entre 0 e 6 anos no noso idioma, para o que se desenvolven materiais, facilítanse e difúndense recursos, deséñanse e prográmanse actividades para nais e pais e nenos e nenas.
Todas aquelas persoas interesadas en participar neste proxecto poden pórse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, onde recibirán toda a información precisa.