Tomiño pecha este venres 28 de xullo o ciclo "Cine na Rúa" que traerá para a súa despedida a película "Trolls", unha longametraxe de animación destinada para o público infantil e familiar. A proxección terá lugar na Praza da Mina ás 22:30 horas.
Dos creadores da popular "Shrek", "Trolls" é a nova película de animación baixo o selo da compañía Dreamworks Animation e distribuída por 20th Century Fox. A cinta relata a curiosa historia dunhas apracibles e divertidas criaturas que se pasan a vida cantando, bailando coas súas coloristas vestimentas e os seus alegres peiteados.
Sen embargo, non todo é diversión e entretemento no Poboado Troll, porque terán que convivir con pesimistas e oscos Bergens, uns personaxes que representan todo o contrario aos ideais que eles teñen por bandeira e que só son felices cando teñen a un Troll dentro do estómago.