Pinocho volve á vida en Redondela

Publicidad

O clásico da literatura infantil chega esta fin de semana ó Concello de Redondela da man de Educa Teatro en dous pases. Serán o domingo, 1 de outubro, ás 17:00 e 19:00 horas. “O mundo máxico de Pinocho”, pensado para publico familiar con nenos e nenas de máis de dous anos, trátase dunha “curiosa” adaptación musical do personaxe creado por Carlo Collodi no século XIX.

A obra, de 60 minutos, conta a historia de Pinocho a través dos ollos de Pepiño Grilo, que xunto coa Fada Mimadriña, Raposo e Gato acompañará ao boneco de madeira no camiño de converterse nun neno de verdade. Un camiño que comeza no taller de Gepetto, e que pasará pola escola, por un circo de monicreques onde un malvado titiriteiro intentará raptalo e ata pola barriga dun peixe xigante. Todo para que o protagonista aprenda que dicir mentiras ten as súas consecuencias.

Como vén sendo habitual coas producións de Educa Teatro, a rapazada participará activamente no show e poderá ademais tomar fotografías cos personaxes da obra. A proposta mestura diferentes técnicas, como o teatro musical con voz e piano en directo, a maxia de grandes ilusións, as sombras chinesas e os corpóreos.

Salir de la versión móvil