A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional comunicou esta fin de semana que centros educativos van desenvolver o programa “Radio na Biblio” no curso académico 2019/20. En total serán 34 na provincia de Pontevedra os que formen parte desta iniciativa que ten como finalidade impulsar a creación de emisoras ou laboratorios radiofónicos no contexto da biblioteca escolar. No caso da provincia pontevedresa incorpóranse ao programa 12 centros mentres que outros 22 renovan a súa participación, sendo finalmente quince os pertencentes a Vigo e a súa área metropolitana.
Os centros de nova incorporación recibirán fondos para a posta en marcha dun laboratorio de radio. Para iso contarán co apoio da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería, que orientará o seu desenvolvemento e porá á súa disposición recursos e propostas. Os centros de nova incorporación a “Radio na Biblio” son o CEIP de Quintela en Moaña, o CEIP de Atín-Cela en Mos, o CEIP Plurilingüe Antonio Palacios de O Porriño, o CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda en Redondela, o CRA Mestra Clara Torres en Tui, o CEE Saladino Cortizo en Vigo, o CEIP García Barbón en Vigo e o IES Valadares de Vigo.
Por outra banda, os centros que continúan no programa recibirán da Consellería de Educación unha asignación de 500 euros por centro para a realización de obradoiros de formación específica para o funcionamento da emisora ou ben de lectura expresiva ou para incentivar a expresión oral.
Os centros que renovan a súa participación en Vigo e a súa área son o CEIP Plurilingüe da Torre-Cela en Bueu, o CEIP de Seara en Moaña, o CEIP Pena de Francia en Mos, o CEIP de Laredo en Redondela, o CPI Manuel Suárez Marquier en O Rosal, o CEIP Pedro Caselles Beltrán en Tomiño e o CEIP Plurilingüe Nº1 en Tui.
A posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento das competencias clave a través de metodoloxías activas, así como para a alfabetización informacional. De feito, a experiencia cos centros que xa participan en “Radio na Biblio” demostrou que a radio constitúe unha ferramenta pedagóxica de grande alcance que permite, ademais, darlle a coñecer ao resto da comunidade educativa os proxectos e traballos que se realizan no centro.