Quince propostas terroríficas para que a rapazada desfrute do Samaín en Vigo e a súa área

Publicidad

Actividades en Vigo

Co gallo do Samaín e coincidindo co Día do Ensino, o Concello organiza actividades para nenas e nenos en diferentes espazos da cidade este xoves, 31 de outubro.

Diante do MARCO, entre as 17:00 e as 20:00 horas, haberá varios obradoiros para nenas e nenos de 4 anos. "O circuíto do terror", que inclúe unha xincana con arañas ou morcegos, "O meu globo Samaín", no que os participantes farán unha cabaza cun globo, "Samaín chef", "Samaín attack", onde cativos a partir de 3 anos aprenderán a facer arañas terroríficas, "O laboratorio Frankestein", no que os científicos noveles, a partir de 5 anos, farán experimentos co Dr. Frankestein no seu laboratorio".

A música do pasarrúas "Espíritos do Samaín" de Barafunda Animación soará en dous pases diarios en Príncipe (de 17:00 a 18:00 e de 18:45 a 19:45 horas).

As actividades no Calvario desenvólvense diante do Mercado, entre as 17:00 e as 20:00 horas, con propostas de tatuaxes de terror, chapas de medio, debuxos terroríficos, tarxetas de Samaín, teas de araña, arañas doces e fantasmas de algodón, amais de maquillaxe de terror.

Tamén no Calvario, a partir das 19:00 e ata as 23:30 horas, celébrase o Serán Samaín para involucrar aos máis pequenos da casa. Organizado pola Asociación folclórica e cultural O Fiadeiro, contarán con grupos destacados de música tradicional e actuacións de grupos espontáneos. Durante o evento repartirase chocolate quente.

Outras actividades en Vigo

A asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello organiza na Praza do Berbés un Samaín que dará comezo ás 17:00 horas con diferentes obradoiros e rematará ás 21:00 horas cunha foliada.

En Alcabre a Asociación de Veciños Nosa Terra contacontos e un obradoiro de cabazas (cada rapaz debe levar a súa) dende ás 18:30 horas.

No xardín da Fundación Sales celébrase unha "pasaxe de terror" tanto para nenos e nenas como para adultos. A parte infantil (de 7 a 12 anos) terá lugar cada 20 minutos entre as 17:00 e as 19:00 horas namentres que a de adultos desenvolverase entre as 20:00 e as 23:00 horas. O prezo infantil é de 8 euros e o de adultos de 12 euros.

En Teis, o centro sociocomunitario acolle unha festa "interxeracional" para nenos e adultos onde se afondará na historia do Samaín galego e realizarán manualidades.

A Alameda de San Paio de Navia acollerá entre as 17:00 e as 19:00 horas diferentes obradoiros para nenos e nenas. Entre as 19:00 e as 20:00 horas celebraranse diferentes actuacións musicais e un magosto de balde para socios.

Obradoiros de Samaín en Baiona

En Baiona, o Samaín celebrarase entre as 17:00 e as 20:00 horas no Auditorio V Centenario. A festa estará enfocada para os máis pequenos e pequenas, que poderán desfrutar de obradoiros temáticos nos que prepararán bebidas monstruosas, realizarán arañas terroríficas e sairán con maquillaxe de caveiras mexicanas ou de zombie.

Ás 18:00 horas dará comezo o espectáculo interactivo infantil “A Bailar Esqueletes”, a cargo do grupo Animar-T; unha hora e media chea de medo, maxia, cantaxogos, globos xigantes, confeti, concurso de baile, e moitas sorpresas máis.

Magosto e festa en Ponteareas

En Ponteareas o punto elixido para a festa do Samaín será o parque da Perillana. A partir das 17:30 e até as 20:00 horas celebraranse obradoiros de pintacaras e de cabazas e durante toda a tarde haberá animación musical, festa e un magosto infantil.

Na Perillana tamén se entregarán os premios do concurso de relatos “Ai mamasiña que medo” no que participaron os cursos de 5º e 6º dos colexios Feliciano Barrera de Guláns, Santiago de Oliveira, Mestre Reveriano Soutullo e Fermín Bouza Brey.

Flashmob de terror en Gondomar

Entre as 18:00 e as 20:00 horas do xoves Gondomar desenvolverá diferentes actividades de Samaín nas antigas instalacións do matadoiro municipal. Haberá obradoiros de confección de chapas, de maquillaxe ou pintacaras. Porén, a actividade central será o flashmob que as tres escolas de danza do municipio preparan.

Ao ritmo de Thriller, o Pantasma da Ópera ou GhostBusters, esperase que un centenar de persoas poñan en escena a coreografía elaborada para a ocasión.

Samaín por duplicado en Arbo

En Arbo as actividades enmarcadas dentro do Samaín terán lugar os días 31 de outubro e 2 de novembro. O día 31, e coincidindo que ese día e non lectivo no CEIP Antonio Carpintero, entre as 9:00 e as 14:00 horas realizaranse diferentes obradoiros e xogos.

O día 2 de novembro, entre as 17:30 e as 20:30 horas, terá lugar a Festa Terrorifica, con túnel do terror, xogos, bailes, desfile de disfraces con sorpresa os 3 primeiros de cada categoría e para rematar discoteca infantil. A festa celebrarse no multiusos municipal.

Actividades (de pago) en Mos

En Mos celebranse obradoiros no Multiusos das Pozas o xoves 31 de outubro, data na que non haberá clase nos centros mosenses. A iniciativa vai dirixida aos nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade e contará con manualidades, xogos monstruosos, contos terroríficos, Photocall tenebroso, bailes de ultratumba… etc. O horario de celebración da actividade será matutino, de 09:00 horas a 14:30 horas.

As inscricións deben ser realizadas no Rexistro do Concello de Mos e a listaxe de admitidos elaborarase por orde de entrada das solicitudes. O prezo da actividade é de 10 euros por participante e o pago farase efectivo no Multiusos o propio día de celebración da mesma. As familias interesadas en facer uso do servizo de Aula Madruga (de 8:30 a 9:00 horas) terán tamén a posibilidade de solicitalo.

Guateque na Guarda

Na Guarda as actividades desenvolveranse na Praza do Reló dende as 17:30 horas cun obradoiro de pintacaras para os máis pequenos. De seguido, ás 18:30 horas, terá lugar o espectáculo “Quen dixo medo?” a cargo da compañía Barafunda Teatro.

Para rematar a xornada, ás 19:30 horas, terá lugar o “Guateque de Samaín” con música a cargo de DJ Guille e o mago Cayetano Lledó.

Pasadizo do terror en Redondela

Redondela celebrará, como de costume, actividades para a rapazada tanto no casco urbano como en Chapela. No centro, haberá un obradoiro de cociña e maquillaxe entre as 16:30 e as 19:30 horas na Praza do Concello (Multiusos da Xunqueira en caso de chuvia). Ademais, instalarase un pasadizo do terror entre as 18:00 e as 21:00 horas.

En Chapela, de 17:00 a 19:00 horas na Alameda Rosalía de Castro, os rapaces poderán cociñar e maquillarse con personaxes que dan moito medo.  (Multiusos de Chapela se chove).

Actividades en Salceda

Tamén celebrarán o Samaín en Salceda. A Casa da Cultura Castelao acollerá diferentes actividades e obradoiros de balde para nenos e nenas dende os 5 anos. Celébranse entre as 17:00 e as 19:00 horas. 

Festa en Moaña

Festa do Samaín, que suma a súa cuarta edición, terá lugar na contorna da Praza de Abastos e será totalmente de balde.

A cita, organizada polo Concello de Moaña en colaboración coa Asociación Cultural Fontenla, arrancará ás 17:00 horas do xoves 31 de outubro e prolongarase até ás 21:00 horas.

A carpa na que terán lugar as actividades contará con diferentes ambientes e temáticas e nela haberá dende un “túnel do terror” até unha pitonisa, pasando por obradoiros de maquillaxe, manualidades, paracaídas, photocall ou caixa adiviña. Os xogos están pensados para nenos e nenas a partir dos catro anos, pero tamén haberá un espazo de “bebeteca” para os menores desa idade. Baixo a carpa haberá tamén unha carpa con bebidas e refrescos.

Salir de la versión móvil