Os cativos con diversidade funcional tamén cociñan, en verso e en galego

Publicidad

A poesía é unha forma de vivir marabillosa e se podes cociñar recitando, que mellor”. Son as verbas de Isabel Blanco (Vigo, 1962), autora de “As receitas de Rosaura” un libro innovador escrito en verso en lingua galega e pensado para os mais cativos da casa.

Este receitario, que xunta seis pratos como son as mazás vermellas do bosque con caramelo, os canapés de queixo feliz, a tortilla de flores de espinacas, as froitas embarulladas con xeado de chocolate, os pingüíns da Patagonia de queixo branco e cenoria e as barquiñas verdes de aguacate da fermosa fada Mara, ten un enorme poder como ferramenta didáctica para nenos e nenas con diversidade funcional (e tamén, evidentemente, para toda a rapazada en xeral).

Inicialmente o libro non ía ser publicado, pero a historia de Rosaura comezou a mudar cando a presidenta da Asociación Kiara, Mar Silva, coñeceu a iniciativa. “Mar pediunos se lle podíamos ceder o texto para traballar cos nenos e nenas con diferentes problemas como autismo ou hiperactividade, e entón foi cando decidimos ilústralo cos marabillosos trazos de Luz Beloso”, explica a autora. “Aí naceu oficialmente Rosaura”, apostila.

“A parrandeira historia de Rosaura a cociñeira que, nas noites de lúa chea, mentres os demais durmían, elaboraba receitas ao ritmo dunha muiñeira” –así comeza o libro- permite que os cativos realizan unha actividade na cociña, de xeito ameno, a través da poesía e aprendendo novas verbas en lingua galega. De paso, tamén se achegan ao mundo da literatura e dos libros nunha sociedade imbuída nas pantallas dixitais.

O libro rapidamente medrou tras ser presentado na Feira do Libro da man do Concello de Ponteareas e atópase xa en diferentes centros educativos de Ponteareas, Mos, Moaña, Vigo e Redondela.

As receitas son moi sinxelas, “son mala cociñeira”, recoñece Isabel Blanco, e permiten traballar cos nenos ao empregar ingredientes sinxelos e estar afastadas maioritariamente do lume. “Aínda que os maiores tamén cociñan con eles”, afirma entre risos a autora.

Esta nova personaxe case máxica, que xa prepara o salto a unha colección con novas aventuras como costureira ou mariñeira, ten en realidade moito do ADN vigués, ponteareán e monfortino. “Rosaura ten un segredo. As ilustracións as fixen cando estaba miña nai no hospital. Alí estaba a miña prima, que é enfermeira, e ela posou para min cando fixen o storyboard. Ela é, en parte, Rosaura”, explica a ilustradora Luz Beloso.

Polo de agora, o libro pode mercarse na Libraría Miranda (Bueu), O Pontillón (Moaña), Follas Novas e Ledo (Ponteareas) e A Pedreira (Santiago de Compostela).

Isable Blanco e Luz Beloso estarán esta tarde de venres no Concello de Ponteareas explicando o nacemento de Rosaura e firmando exemplares dentro da iniciativa Venres D_Letras.

Salir de la versión móvil