Reclaman ao Concello de Vigo que "exprese o seu apoio" á Iniciativa Popular Xabarín

Publicidad

Os millennials están marcados pola aposta da TVG pola programación do Xabarín, un conxunto de debuxos de animación en galego que, ademais, estaban acompañados por temas de grupos galegos que, na súa maior parte, foron grandes referentes da Movida. Esa pegada quedou. Agora é o temo de darlle un novo pulo. A Mesa pola Normalización Lingüística promove agora unha Iniciativa Popular que demanda o aumento da programación infantil e xuvenil na nosa lingua a través de, entre outros, dunha canle 24 horas.

A creación desta especie de “Clan” en galego que levaría o selo inconfundible do Xabarín xa foi apoiada por concellos como Moaña ou O Rosal. Agora, o BNG de Vigo demanda ao Goberno que preside Abel Caballero que exprese “formal e publicamente o seu apoio” a esta proposta da Mesa pola Normalización Lingüística. “Segundo os últimos datos estatísticos oficiais en Vigo apenas o 5% das familias é galego falante, porén máis do 50% das viguesas y vigueses demandan máis contidos en galego na televisión”, explicou o concelleiro da fronte nacionalista na cidade olívica, Xabier Pérez Igrexas.

O concelleiro do BNG de Vigo xa defendeu na última Comisión Informativa de Normalización Lingüística que o Concello se adherise á iniciativa, como xa fixeron outros municipios. Aliás, a fronte nacionalista trasladou á Xunta de Voceiros, decorrida onte, unha proposta de Declaración Institucional neste mesmo sentido, que finalmente non foi incorporada na orde do día do vindeiro Pleno polo rexeitamento do grupo municipal do PSOE.

“Non podemos entender o veto do PSOE a unha proposta que o que pretendía era apoiar que as familias teñamos a opción e posibilidade de ofrecer máis contidos audiovisuais na lingua propia e oficial do noso País ás nosas crianzas”, reprochou.

Desde a fronte nacionalista lamentan a política de continuado desprezo e invisibilización do galego que practica o Goberno municipal de Abel Caballero e subliñan a necesidade dun compromiso real a prol súa plena normalización.

Salir de la versión móvil