O Concello de Redondela, a través da Concellería de Igualdade que xestiona Iria Vilaboa, vén de anunciar a apertura do prazo para que as familias interesadas poidan inscribir aos seus fillos e fillas, con idades entre 3 e 12 anos, nos campamentos de verán que se desenvolven ao abeiro do Programa Municipal de Conciliación. O período de inscrición, que se abría hoxe 24 de maio, permanecerá aberto ata o vindeiro 3 de xuño.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou o feito que como en anos anteriores e fronte a anteriores gobernos conservadores que só ofrecían un mes en verán, “optamos por ofrecer esta actividade totalmente gratuíta e imprescindible para as familias, durante dous meses enteiros e apostando pola súa realización nas parroquias para minimizar os desprazamentos e os inconvenientes que iso supón”.
O Programa Municipal de Conciliación, que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto, ofrece un total de 480 prazas totalmente de balde coa que se reafirma a aposta do Goberno socialista que preside Digna Rivas por esta actividade “como ferramenta para permitir a conciliación da vida laboral das familias na época na que as pequenas e pequenos teñen vacacións escolares”.
Do total de prazas, 280 serán para a quenda do mes de xullo e 200 para o mes de agosto. A distribución, apunta Digna Rivas, “atende á experiencia dos anteriores anos que demostra que no mes de agosto, a demanda é menor, polo que se reforzan as prazas para o mes de xullo”.
Ao igual que se fixo o pasado ano, mantense o formato de desenvolver os campamentos nas parroquias, de cara a faciliar a participación dos nenos e nenas independentemente do lugar onde residan reducindo a necesidades de facer desprazamentos.
As prazas ofertadas para o mes de xullo serán 50 para as actividades que se desenvolvan no CEIP Plurilingüe Porto Cabeiro, EEI de San Pedro de Cesantes, CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda e Conservatorio Municipal de Música 'Víctor Ureña'; 30 prazas para as que realicen no CEIP de Cedeira e Pavillón de Reboreda e 20 prazas para o CEIP Plurilingüe de Quintela.
No mes de agosto destinanse 30 prazas para CEIP Plurilingüe Porto Cabeiro; CEIP de Cedeira, EEI de San Pedro de Cesantes, CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda, Pavillón de Reboreda, Conservatorio Municipal de Música 'Víctor Ureña' e 20 prazas para o CEIP Plurilingüe de Quintela.
A Concellería mantén, ao igual que en anos anteriores, a posibilidade de inscribirse por quincenas en lugar de facelo por mes enteiro atendendo, desta forma, ás necesidades das familias “que non precisan todo o mes e posibilitando polo tanto, que poidan participar nos campamentos un maior número de nenos e nenas”, explica a alcaldesa de Redondela.
Salceda retoma a normalidade do seu campamento de verán
A concellería de Ensino e Infancia de Salceda de Caselas xunto coa ANPA do colexio Altamira volven a organizar con plena normalidade o campamento de verán durante os meses de xuño a a setembro de 2022.
As inscricións, para as 140 prazas ofertadas, poderán realizarse en liña a través da páxina web do Concello ou presencialmente na Casa da Cultura ata o 15 de xuño.
Os obxectivos fundamentais deste campamento de verán serán facilitar as relacións interpersoais, crear espazos de convivencia, fomentar hábitos saudables e o traballo en equipo entre a cativada participante. A temática relacionada coa mayoría das actividades a realizar polos nenos e nenas será o arte a través da pintura, escultura, collage e futurismo co desenvolvemento de obradoiros de experimentos, teatro, danza ou cocina.
Igualmente, realizaranse actividades deportivas como xincanas, piscina e saídas a diferentes lugares do concello para prácticar o senderismo.