Redondela ofrece 165 prazas para garantir a conciliación laboral durante o Nadal

Publicidad

A Concellaría de Igualdade que dirixe Digna Rivas abre este mércores 13 de novembro o prazo de inscrición para participar no programa municipal de conciliación de Nadal. A iniciativa, que busca promover a conciliación da vida familiar e laboral, desenvolverase durante as vacacións escolares nas diferentes parroquias do municipio.

Todos os interesados en poder contar con praza neste programa, que está destinado a ofrecer unha alternativa lúdica a nenos e nenas de entre 3 e 14 anos, deberán anotarse previamente, xa que as prazas son limitadas. No caso de menores con necesidades educativas especiais avaliarase cada solicitude de maneira individual.

En concreto, os espazos de lecer para nenos e nenas estarán aberto entre o 23 e o 31 de decembro de 2019 e do 2 ao 3 de xaneiro de 2020, de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas. O Concello pon a disposición dos usuarios 30 prazas no Multiusos de Redondela e outras 135 -a razón de 15 en cada emprazamento- en Cabeiro (Centro Cultural), Cedeira (Centro Cultural), Cesantes (Centro Cultural) Negros (Asociación de Veciños), O Viso (Antiga escola de Tuimil), Reboreda (Sociedade Labrego-Cultural), Saxamonde (Asociación de Mulleres Arela) e Ventosela (Asociación Deportivo-Cultural Miñoteira).

Para poder participar é preciso presentar no Rexistro xeral do Concello en Redondela ou Chapela a ficha de solicitude de participación, que se pode descargar da páxina web do Concello ou recollela nas oficinas do Centro de Información ás Mulleres (CIM), xunto coa documentación anexa.

O prazo de inscrición ábrese hoxe, mércores 13 de novembro, e remata o mércores 27 de novembro. A listaxe de admitidas e admitidas será publicada o venres 13 de decembro na páxina web do Concello e nas oficinas do Centro de información ás Mulleres.

Salir de la versión móvil