O Festival de Cans continúa nesta 15ª edición a súa aposta por atender a todos os públicos, e faino reforzando e ampliando MiniCans, a súa programación infantil. O entorno do Parque do Río e espazos emblemáticos do festival como o Cuberto de Antonio, o Baixo de Carlos ou o Cuberto de Pato acollerán o venres 25 e o sábado 26 toda unha serie de actividades pensadas para que as desfruten as familias e, en particular, as nenas e nenos de máis de 3 anos. Dende as 17:00 horas do venres haberá obradoiros, música, proxeccións, maxia e ata unha degustación de Galletas Mariñeiras cortesía de Daveiga. A área do Parque, deseñada pola veciña de Cans e interiorista Isis Rodríguez, contará con postos de comida e parque infantil, todo elo pensado para facilitar o desfrute e participación da rapazada. Tanto o Parque como as salas permiten a total accesibilidade con carros de bebé, e o Festival poñerá autobuses adaptados dende o centro do Porriño ata Cans para facilitar o acceso á aldea. As entradas para as actividades de pago (O cinematomago, Therefilme e Unha vida de cine) están dispoñibles xa a un prezo de 3 euros en tenda.festivaldecans.com, ata as 23:59 deste mércores.
A primeira actividade de MiniCans será o venres, co obradoiro de cine "Da imaxinación á pantalla", do proxecto Participa Méliès que impulsa a Obra Social La Caixa, e do que o de Cans é o único festival galego escollido para participar. Nel, os pequenos e pequenas inícanse no cinema aprendendo a realizar unha curtametraxe empregando efectos especiais sinxelos á maneira do pioneiro da séptima arte Georges Méliès, e cunha tablet individual para que cada persoa do curso poida desenvolver a súa creatividade. O taller pode facerse conxuntamente entre toda a familia e está pensado para maiores de 8 anos.
O sábado tamén haberá oportunidade de aprender sobre cinema na Caixiña dos Mistos, unha vella caravana dos anos setenta acondicionada para o visionado de filmes e que estará aparcada no Parque do Río. Alí, ademais dun obradoiro de curtas con móbil impartido por Mr. Misto, haberá proxeccións periódicas de curtas. Esta actividade está feita co apoio de Gadis, fiel colaborador do Festival de Cans. Completa o programa de obradoiros o contacontos ilustrado sobre María Casares de Polo Correo do Vento, titulado Unha vida de cine, no que nenos e nenas escoitarán un conto a medida que trazan un storyboard e aprenden sobre a vida da lendaria actriz galega.