Un Samaín para "caghar patatillas" e bailar moito rock na Sala Rebullón de Mos

Publicidad

O Territorio Cultural As Pedriñas e a Sala Rebullón (Avenida Rebullón 23) organizan un ano máis unha xornada de Samaín con música e ledicia para os máis pequenos e pequenas da casa.

Un Samaín con contos “para caghar patatillas”, é a proposta matutina que o música Brais das Hortas presentará á rapazada que se achegue até a Sala Rebullón o vindeiro sábado, 31 de outubro. A actuación, que comezará ás 12:30 horas, presentará á rapazada contos cheos de música, humor, efectos especiais e baile. Historias que falan de pedras que se converten en xigantes, un romance galego que canta a aposta de dous amigos nun cemiterio, un león e unha elefanta no medio da noite na sabana africana… en definitiva unha proposta que busca plasmar que “Valente non é quen non ten medo, senón quen é capaz de enfrontar o seu propio medo”.

Pola tarde, a cita do Samaín mosense nas Pedriñas chegará con Pakolas e seu disco-libro “Ramona Órbita, a Dona do Tempo”. O autor, compositor e músico Paco Cerdeira cantará a ritmo rockeiro a historia de Ramona Órbita, unha súper muller labrega da Serra do Courel, xefa na horta e boa coa tecnoloxía, ecoloxista e inventora, posuidora dunha horta cibernética de patacas automáticas, e dona dunha incrible máquina do tempo, o seu mellor invento. A cita comezará 17:00 horas. 

Ambas actividades son de balde até completar o aforo, que estará controlado para poder cumprir coas medidas de seguridade e facer du Samaín unha xornada de música e actividades seguras para os máis pequenos.

Salir de la versión móvil