A concellería de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas que dirixe Hortensia Bautista organiza este sábado, 28 de xullo, unha noite de terror no centro da vila. O espectáculo arrancará ás 21:30 horas da man de "A casa do terror", de Xoán Curie e a Banda Son+d2.
No espectáculo, coñeceremos a historia dun grupo de amigos que se ve obrigado a durmir nunha casa encantada. Alí, vivirá divertidas e terroríficas aventuras relacionadas coa música, a amizade e a superación dos propios medos.
A perspectiva do terror trátase neste espectáculo dun xeito divertido e lévase a cabo a través de orixinais personaxes coma as pulgas sombis, o lobo lover, ratatiburóns, gativampiros, o monstro da lavadora, a pantasma con asma, e un longo etc.
Este é un divertido e dinámico espectáculo musical con cancións, danzas, elementos teatrais ou de clown e sobre todo moita participación do público asistente. Desde o primeiro instante o público será partícipe desta terrorífica aventura na que haberá risas, coreografías e algún que outro susto.