Uxía Lambona e a súa banda chegan en concerto a Tomiño este domingo

Publicidad

Uxía Lambona e a Banda Molona chega en concerto ao Auditorio de Goián o domingo 23 de maio, ás seis da tarde e con todas as medidas de seguridade para previr posibles contaxios.

Uxía Lambona e a Banda Molona recolle os clásicos populares galegos dándolle o seu toque particular, desde “A Carolina” rapeada ata “O Jato rockeiro”; moitos temas tradicionais e algún que outro propio, pasando por diversos estilos coma o ska, o reggae, o klezmer, a cumbia, ou o tango.

Dende o grupo adiantan que será un concerto moi dinámico, onde artistas e público participarán de bailes, xogos, coreografías e algunha que outra sorpresa.

“Uxía Lambona e a Banda Molona” é un proxecto musical, lúdico e educativo. O vindeiro domingo os seus compoñentes presentarán o seu novo disco, “unha viaxe espacial e especial chamada Astrounauta Sideral”.

Oferta de #culturasegura

Para cumprir coas medidas de seguridade vixentes só haberá 70 prazas dispoñibles no patio de butacas do auditorio e, aínda que xa están esgotadas dende hai un par de semanas, as persoas interesadas en asistir poden chamar ao teléfono 986 62 20 01 ou enviar un correo electrónico a cultura@tomino.gal, para anotarse nunha lista de agarda.

O prezo das entradas, que poderán adquirirse na propia taquilla do auditorio dende unha hora antes do comezo da función, é de 3 euros, agás para persoas menores de 12 anos, que pagarán a metade.

Salir de la versión móvil