O Samaín continúa a asentarse en Galicia e a mesturar tanto as costumes tradicionais da cultura atlántica coma do estilo iaqui. Nesta combinación de tradicións, xorden cada ano diferentes actividades e obradoiros na nosa contorna. Desta vez, a Concellería de Xuventude de Vigo organiza un obradoiro de maquillaxe e caracterización especial.
A cita desenvolverase o domingo, 27 de outubro, entre as 17:00 e as 21:00 horas, na Casa da Xuventude e englóbase dentro do programa de actividades “Estar de ocio”, pensada como alternativa de tempo libre para a xuventude. Este obradoiro de maquillaxe está enfocado para rapaces e rapazas de entre 13 e 17 anos.
Os asistentes aprenderán técnicas de maquillaxe de fantasía e efectos especiais enfocados á temática. O obradoiro, de balde, estará impartido por dous profesionais do sector. Os interesados poderán inscribirse previamente na Casa da Xuventude situada en López Mora 31.