Vigo reabre o luns o prazo para solicitar praza nas escolas infantís

A Xunta de Goberno Local de Vigo decidiu este venres retomar os prazos para solicitar praza nalgunha das oito escolas infantís municipais para o próximo curso escolar.

Os interesados en lograr unha praza nenos e nenas de entre cero e tres anos poderán solicitala dende este luns, 25 de maio e até o 5 de xuño, ambos incluídos. Poderá facerse tanto de forma telemática (en escolas.vigo.org) como presencial no rexistro municipal (solicitando cita por teléfono). O prazo abrírase o pasado 9 de marzo e quedou suspendido pola crise do Covid-19.

Para o vindeiro curso, o Concello de Vigo oferta 620 prazas en oito escolas infantís: 72 en Costeira-Saiáns, 80 en Bouzas, 78 en Tomás Alonso, 72 en Santa Marta-Casco Vello, 82 en Atalaia-Teis, 76 en Santa Cristina-Lavadores, 78 en Mestres Goldar-Castrelos e 82 vacantes en Navia. O orzamento municipal para o funcionamento das oito instalacións ascende a millón e medio de euros.

As escolas infantís do Concello ofrecen opcións horarias de mañá e tarde ou continuo, no caso de Costeira-Saiáns. O rango de prezos recollidos nas bases oscilan entre a gratuidade total e os 127 euros mensuais, en función da renda.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*