A Guarda pecha xullo con visitas guiadas gratuítas ao Monte Trega

Publicidad

Como vivían os nosos devanceiros castrexos? Este verán poderás atopar a resposta a esta pregunta da man das visitas guiadas que o Concello da Guarda organiza no Monte Trega. A cita coa historia terá lugar o sábado, 21 de xullo, e domingo, día 22.

Aquelas persoas que desexen realizar unha visita guiada completa polo emblemático monte e coñecer máis polo miúdo o seu valor arqueolóxico, relixioso e paisaxístico, poderán participar nas saídas ás 12:30 e 17:00 horas do Museo Arqueolóxico de Santa Trega, MASAT. Dende alí, as e os participantes coñecerán as pezas expostas no museo e continuarán coa visita a ermida de Santa Trega para despois baixar polo sendeiro do Vía Crucis ata o Castro do Trega, onde se explicarán os contidos arqueolóxicos deste espazo escavado. Esta visita terá unha duración aproximada de 90 minutos.

Ademais ás 11:30 horas ofrecerase a oportunidade de realizar unas visitas guiadas centradas unicamente no castro, cunha explicación do xacemento arqueolóxico de 30 minutos de duración.

As persoas interesadas en participar deberán presentarse á hora de saída no punto de encontro indicado. Malia que as visitas son gratuítas, compre ter en conta que a taxa de acceso ao Monte Trega é de 1€ para as persoas adultas e de 0,50€ para os e as menores de 14 anos. Os grupos formados por máis de 10 persoas deberán reservar a súa visita previamente chamando ao Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (986 610 504).

Salir de la versión móvil