Concienciar da necesidade de coidar do medio natural e, nomeadamente, dos recursos hídricos, a través do xogo e a natureza. Este é o obxectivo que se marcan no Parque Natural do Monte Aloia coa semana temática que iniciaron o luns e que rematará o domingo, 13 de agosto.
“A Auga do Aloia”, así se chama esta actividade, baséase nunha xincana que se desenvolve a través do roteiro do “rego da pedra”, que percorre unha canle de regadío. Ao longo de dous quilómetros, os participantes deberán superar unha serie de probas agochadas en pergamiños ao longo da ruta. Para atopalas, dende o Parque Natural se lles entregará un mapa e deberán ir superando cada proba que consistirá en identificar diferentes especies, realizar fotografías co seu móbil ou superar adiviñanzas. Unha vez rematada a actividade deberán volver á casa forestal para recoller a súa recompensa.
Trátase por tanto dunha proba apta para todos os públicos, coa que ensinar o respecto á natureza aos pequenos, pero tamén coa que se divirten os maiores. De feito, o público adulto é o maioritario no que vai de semana no parque. A ruta é circular e pódese realizar en tan só unha hora e media de duración.
Ademais, os que o desexen poden ir acompañados por un guía do propio parque de xeito totalmente gratuíto. Iso si, neste caso deben pedir cita previamente chamando ao teléfono 886 120 650.
Visitas guiadas de balde
Ademais da xincana que se celebra esta semana, o Parque Natural conta durante todo o verán con visitas guiadas gratuítas. Os visitantes poderán escoller unha das cinco rutas dispoñibles e contar co acompañamento dos profesionais que lles descubrirán os segredos que esconde o Monte Aloia.
Para poder realizar estas visitas de balde tamén é necesario pedir cita previa con 48 horas de antelación. Neste caso, requírese a participación de grupos de entre 8 e 10 persoas. No caso de que sexan menos, poderán solicitar a visita na Casa Forestal e alí xestionarán a petición para intentar sumar a outras persoas e formar un grupo que permita realizar a visita.