As noites de verán son máxicas, misteriosas, feiticeiras. O oculto amósase. Quizáis por isto, a mellor forma de descubrir parte do rico patrimonio tudense sexa percorrer a cidade durante a noite na andaina organizada polo club Rego da Pedra.
Este sábado, 5 de agosto, o club organiza unha andaina nocturna que dará comezo ás 22:00 horas e que, baixo a denominación de III Ruta Histórica de Tui, percorrerá as rúas de Tui, visitando a capela de San Telmo, a da Misericordia, a Catedral de Tui, e as igrexas de San Francisco, San Bartolomé e San Domingos.
Unha oportunidade para obter unha ollada diferente dos históricos templos tudenses recubertos do misterio da noite. A camiñada rematará na alameda de San Domingos, onde haberá unha chocolatada con rosca para os máis pequenos e unha gran queimada para os maiores.
Para participar, os interesados deben inscribirse na páxina web do club, e acudir ás 22:00 da noite do sábado ao palco da música de Tui, no paseo da Corredoira, onde terá lugar a saída. O prezo é de 5€, e 3€ para os menores de 12 anos.
Circuíto de "andainas saudables"
A actividade desta fin de semana forma parte do Circuito de Trilhos e Andainas Saudables da Eurocidade Tui-Valença. Regularmente organízanse este tipo de andainas que permiten descubrir o patrimonio máis próximo dende unha perspectiva diferente. Fai unha semanas, os asistentes puideron coñecer os mosteiros de Valença, Portugal, á luz das estrelas.