O Baixo Miño, pola súa situación estratéxica, é un dos puntos de Galicia que maior número de fortalezas e fortificacións posúe. Agora, boa parte delas, tanto da parte galega como do Alto Minho portugués, poderán ser “descubertas” polos asistentes á andaina que se celebra este sábado.
Organizada por A Guarda e Caminha no marco das iniciativas conxuntas para a candidatura do estuario do río Miño a Paisaxe Cultural da UNESCO, o roteiro “Fortalezas do Miño” ofrece unha ruta interpretativa polos fortes de San Lourenzo de Goián (Tomiño), San Francisco de Lovelhe, Caminha e o Castelo de Santa Cruz, todas elas construídas durante a Guerra de Restauración portuguesa, no século XVII.
O percorrido será de 22 quilómetros e dificultade baixa. Un autobús sairá do Castelo de Santa Cruz (rúa da República Dominicana) ás 8:30 horas para levar aos participantes ata Goián. Na parroquia tomiñesa comezará o percorrido que chegará ata A Guarda, pasando por Vila Nova de Cerveira e Caminha, localidades onde será posible apreciar e visitar as fortalezas existes cunha breve explicación da importancia de cada unha delas.
Unha vez en Caminha, e tras a parada para o almorzo, os participantes tomarán o transbordador das 15:00 horas ata A Guarda, onde visitarán o Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz. A hora aproximada de remate é ás 16:00 horas.
O custe de participación é de 5 euros por persoa, previa inscrición na Oficina Municipal de Turismo situada na Casa do Concello, no teléfono 986 614 546 ou ben a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.