As nove rutas guiadas de balde para demostrar que Cangas non é soamente “praias e calor”

Praia a Cunchiña, Cangas

Publicidad

Cangas é moito máis que sinónimo de praias paradisíacas e bo tempo. Con esta idea en mente, a Concellería de Medio Ambiente e Turismo, xunto coa Illa dos Ratos, organiza novamente entre febreiro e marzo o programa de rutas guiadas de balde denominado “Inverno en Ruta”.

En total, son nove visitas as que forman parte deste proxecto que está destinado a desestacionalizar o turismo na vila. A principal novidade desta tempada é a andaina denominada como “Cangas e o mar”, que se levará a cabo o 3 de febreiro e o 17 de marzo a partir das 11:00 horas, Nela resáltase a pesca como elemento fundamental para a historia e o avance do municipio: “Non podemos falar de como foi crecendo Cangas sen mencionar a pesca tradicional e os primeiros exportadores; de como seu pasou da pesca de subsistencia á industrialización e con ela aos primeiros movementos mariñeiros da nosa vila, nin de como eses movementos tomaron forma de sociedades, alianzas...”, sinalan dende o goberno municipal.

Por outra banda, mantéñense as rutas de ‘Massó, o sentir dun pobo’, ‘Intermareal, mar á vista’, ‘Rúas con historia’, ‘Hío, de pedra en pedra’, ‘Senda costeira de Areamilla a Liméns’ e ‘O Facho, gardián milenario’. Con todas elas preténdese resaltar e promocionar os recursos históricos, culturais e turísticos-medioambientais de Cangas.

Como participar?

As persoas interesadas deben anotarse previamente a través da Oficina de Turismo (986 39 20 23) ou mediante o correo electrónico ailladosratos@gmail.com.

Cal é a programación de “Inverno en Ruta”?

As nove visitas do programa darán comezo ás 11:00 horas, e todas elas son guiadas e de balde, previa inscrición.

1. Cangas e o mar. 3 de febreiro.
2. Massó, o sentir dun pobo. 10 de febreiro.
3. Intermareal, mar á vista. 17 de febreiro.
4. Rúas con historia. 24 de febreiro
5. Massó, o sentir dun pobo. 3 de marzo.
6. Hío, de pedra en pedra. 10 de marzo.
7. Cangas e o mar. 17 de marzo.
8. Senda costeira de Areamilla a Liméns. 24 de marzo.
9. O Facho, gardián milenario. 31 de marzo.

Salir de la versión móvil