As “sombras do ensanche” vigués ilumínanse con esta visita guiada

Publicidad

O ano 1861 a historia de Vigo mudou para sempre. No mes de xuño do devandito ano comezou o derribo da muralla defensiva de Vigo. A súa desaparición produciuse a petición popular e foi autorizada pola raíña Isabel II. Unha construción en ruínas e que impedía o tránsito entre a zona vella do centro histórico e a nova poboación extramuros derivou na súa desaparición. Con ela, Vigo perdía parte da súa historia, pero novos barrios nacían.

Case 157 anos máis tarde, os veciños e veciñas poderán comprobar as consecuencias daquela decisión. Unha nova cidade e novos barrios no “ensanche” vigués. Para poder coñecer os cambios producidos, e que significou para a cidade, o Servizo de Normalización Lingüística organiza o sábado, 24 de marzo, unha ruta a través desa nova cidade.

Da man de Clara Roxo, autora de “Sombra no Ensanche”, os participantes da visita gratuíta sairán da rúa de Londres, detrás do Marco, pasarán por Príncipe, baixarán pola rúa de Carral, Alameda, rúa do Areal ata o edificio Bonín, subida pola rúa do Porto ata edificio Curvera en García Barbón, rúa de Uruguai polas escaleiras de Santiago de Vigo, República Arxentina ata o edificio Polar en Urzáiz, baixada por Colón ata Marqués de Valladares e subida por Reconquista ata Policarpo Sanz para rematar na Porta do Sol.

Esta visita busca poñer en valor o “legado cultural” dos diferentes ensanches de Vigo, dende finais do século XI até metade do XX, non so pola calidade estética, senón tamén porque representan un “xeito de entender a cidade, de antepoñer o traballo ben feito fronte a obxectivos máis lucrativos”.

A visita arrancará ás 11:00 horas do sábado, 24 de marzo, sendo preciso a inscrición previa no teléfono 986 81 02 81 de 9:00 a 14:30 horas. A duración estimada é de 2 horas e media. O prazo de inscrición vai dende o día 19 de marzo e ata completar as prazas.

Sombras no Ensanche

A novela Sombras no Ensanche discorre por rúas e edificios desta zona viguesa, hoxe centro de negocios e comercial, símbolo de posmodernidade e globalización. A autora, ademais de ambientar a súa historia nesta zona da cidade, trasládanos a un tempo futuro, pode que non moi afastado, que describe e anticipa onde nos pode levar o modelo de sociedade que estamos construír.

Os recordos da súa familia farán que Xocas, un adolescente sobranceiro en matemáticas, loite por saír adiante nunha contorna hostil nun Vigo tomado e controlado, onde o Ensanche e os seus edificios e museos son os escenarios da trama.

Salir de la versión móvil