A nova ruta "Madrugas, Pedro?" permitirá coñecer o patrimonio fortificado da provincia

Publicidad

A Deputación de Pontevedra vén de elaborar a nova ruta turística “Madrugas, Pedro?” que, empregando a figura de Pedro Madruga, permite percorrer o patrimonio fortificado presente en nove municipios da nosa provincia.

En concreto, a ruta percorre fortificacións e os seus restos dos concellos de Soutomaior, Crecente, Mondariz, Salvaterra de Miño, Tui, Baiona, Vigo, Sanxenxo e Cambados, todos eles visitables e con acceso durante os 365 días do ano, nos que Pedro Madruga e a familia Sotomayor deixaron a súa pegada.

Así, os visitantes poderán visitar aqueles lugares que, dun xeito ou outro, tiveron importancia na vida de Pedro Madruga. Deste xeito, poderán visitar dende o castelo de Soutomaior, no que viviu, ata a Torre de Fornelos (Crecente) que reconstruíu e acabou posuíndo trala declaración de paz entre os Reis Católicos e a coroa portuguesa; o castelo de Sobroso, tomado por Madruga tralas loitas señoriais entre os Sotomayor e os Sarmiento, loitas que tamén implicaron ao castelo de Salvaterra, cedido polos Reis Católicos a Madruga. A ruta tamén pasa por Tui onde Madruga exerceu a encomenda sobre a igrexa e o vizcondado da cidade; polo castelo de Monterreal (Baiona), gobernado por Garci Méndez de Sotomayor, casado con Constanza de Sotomayor, filla de Pedro Madruga; por Vigo, xa que Pedro Madruga obtivo de Enrique IV un interese de 150.000 marabedís sobre as rendas reais da cidade; e polas torres da Lanzada e de San Sadurniño, reconstruídas por Suero Gómez de Sotomayor tralas revoltas Irmandiñas.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou durante a presentación da mesma que “con esta iniciativa pretendemos desestacionalizar o turismo, tal e como marca o Plan Estratéxico de Turismo, promovendo actuacións para dar a coñecer que a provincia oferta múltiples historias que se poden vivir os 365 días do ano”.


Pódeche interesar: descubre visitas guiadas na área de Vigo


Con respecto ao nome seleccionado para a ruta “Madrugas, Pedro?” a presidenta provincial destacou que se trata de “espertar a interese para coñecer esta figura tan importante na historia de Galicia e tamén de España do século XV”. De feito, Carmela Silva recordou que a orixe do alcume de Pedro Madruga para Pedro Álvarez de Sotomayor “vén dada polas loitas que mantivo co conde de Ribadavia polos límites de xurisdición, que os levou a acreditar ante notario que resolverían esta cuestión saíndo ambos a cabo dos seus respectivos castelos cando cantase o galo, establecendo o linde definitivo no lugar no que se atopasen. O que aconteceu, segundo as lendas, é que Pedro conseguiu adestrar un galo para que cantase cando batese as palmas e fíxoo cantar durante a noite, de modo que ao amencer xa estaba en Ribadavia onde o seu conde, ao avistalo, díxolle “Madrugas, Pedro!” e de aí quedou o de Pedro Madruga”.

Salir de la versión móvil