Imitando á lenda da Santa Compaña, a veciñanza metropolitana percorre este martes, 31 de outubro, os camiños dos seus concellos para celebrar o Samaín. Estas son catro das andainas e rastrexos que se celebran na nosa contorna.
IV Andaina nocturna San Esteban de Budiño
A parroquia de San Esteban de Budiño, no concello de Salceda de Caselas, acollerá este martes a IV andaina nocturna de Samaín. A cita arrancará ás 20:30 horas dende o centro cultural “O Coto”. Unha vez alí, os asistentes discorreran polo “lado escuro” da parroquia e nos seus misterios por descubrir.
Para participar nesta andaina, duns 8 quilómetros de percorrido, os asistentes deberán abonar unha inscrición de 5€ anotándose antes do luns, 30 de outubro. O teléfono para inscribirse é o 660 058 132. O prezo inclúe ademais un chouripán ao finalizar a actividade para poder recuperar forzas.
IV Tempo de Samaín na Guarda
O concello baixomiñoto celebra a xornada de Samaín cunha intensa programación de actividades da man da asociación do Mercado do Reló. Así, ás 17:30 horas os cativos poderán introducirse na atmosfera do Samaín con obradoiros e actividades de “truco ou trato” na rúa Pacífico Rodríguez.
Xa ás 21:00 horas chegará o momento da andaina nocturna de terror, que arrancará no cruzamento entre as rúas Vicente Sobriño e Pacífico Rodríguez e rematará no mesmo punto ás 00:30 horas. A inscrición neste caso ten un prezo de 5€ para adultos e 1€ para nenos e debe facerse no 986 611 601 ou no 647 368 933. O prezo inclúe unha chocolatada de balde ao remate nun establecemento da contorna.
Por outra parte, a noite dos defuntos na Guarda contará tamén con boa música. Ás 19:00 horas terá lugar o concerto do grupo de pop-rock guardés Perseide no Kanella’s Café. Unha vez rematada a andaina, ás 0:30 horas a música pasará a As Pozas Disco con Punkiereteiras acompañadas dunha boa queimada.
II Rastrexo María Soliño
A Noite de defuntos tamén se celebra en Cangas seguindo os pasos da Santa Compaña con inicio dun rastrexo ás 20:00 horas. Porén, neste caso, a inscrición está xa pechada ao completarse todas as prazas ofertadas.
Andaina Terrorífica en Gondomar
Por último, en Gondomar prolongan o Samaín até o sábado 11 de novembro cunha andaina “terrorífica” en Couso. A actividade comezará na Capela dos remedios e está pensada para todos os públicos. A inscrición ten un prezo de 5€ para adultos e de 3€ para menores de 11 anos.
Para poder anotarse é necesario chamar ao 673 465 777 e o custe da inscrición inclúe unha chocolatada ao remate.