Cinco roteiros guiados de balde para descubrir os encantos de Moaña

Publicidad

Co obxectivo de que veciños e visitantes redescubran Moaña, o municipio morrancese apostará este 2019 por unhas novas rutas guiadas e gratuítas. En colaboración coa asociación A Illa dos Ratos, o Concello celebrará este ano 24 rutas con seis temáticas diferentes. Todas elas celebraranse os sábados ás 11:00 horas e están pensadas para todos os públicos.

Entre febreiro e marzo serán oito as saídas guiadas que percorrerán dende a Moaña Mariñeira até o barrio de San Martiño e a súa historia, pasando por unha edición especial dedicada ás mulleres o 9 de marzo.

Integrantes de A Illa dos Ratos xunto á alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, a concelleira de Turismo, Coral Ríos, e a concelleira de Igualdade, María Ortega

O programa de “Descubre Moaña” comezará o sábado, 2 de febreiro, coa ruta de “Moaña Mariñeira” que percorre a historia do municipio e as súas xentes. Ao longo deste percorrido polo litoral entre o Porto de Moaña e o Porto de Meira os asistentes coñecerán detalles dos inicios da pesca tradicional, a historia do Pósito de Moaña e a figura do seu impulsor D. Jose Costa Alonso ou algúns dos naufraxios máis importantes que afectaron as familias de Moaña.

Tamén visitarán e estaleiro de Carlagho, sede da Asociación Sueste, no que poderán coñecer o interior dunha carpintería de ribeira e o museo aberto das Carreiras de Meira.

Tamén impregnada de sabor marítimo estará o segundo dos roteiros, titulado “Canteiras do litoral de Moaña”. Ao longo do percorrido os asistentes descubrirán a historia que agochan as antigas canteiras do litoral de Moaña e que foron a orixe do crecemento económico e social da vila. Co paso do tempo e o desmantelamento das canteiras, eses novos espazos serviron de ubicación para novas actividades empresariais relacionadas co mar, como no caso do estaleiro ASCON ou de Conservas A Guía.

Antigas canteiras de Moaña

Sen abandonar a franxa litoral os roteiros levarannos á “Intermareal de Tirán”. Esta visita guiada, moi interactiva, está especialmente enfocada para toda a familia permitíndonos realizar un percorrido polas praias para coñecer a súa biodiversidade aproveitando para recoñecer bivalvos, crustáceos ou estrelas de mar.

Co obxectivo de visibilizar ás “mulleres da historia de Moaña” en colaboración co Centro de Información á Muller, a zona do Porto acollerá un roteiro o 9 de marzo. Desta vez porase en valor o papel da muller dentro do desenvolvemento da sociedade e a vila de Moaña. Historias que paga a pena coñecer sobre figuras importantes con nome propio como Lela Soage, Elisa de la Peña, Lola Diz ou Concepción Arenal, fortemente vencellada ao municipio, que se mesturarán con alusións a colectivos máis anónimos como as peixeiras, as mariscadoras ou as carreiras.

Por último, no campo da historia, estas novas visitas achegarannos ao barrio moañés de San Martiño. Desta vez a visita apenas nos obrigará a camiñar, xa que soamente percorreremos a contorna da igrexa. Os asistentes descubrirán a historia das casas e como apareceron aí e outros elementos propios dun dos barrios senlleiros do municipio.

Como participar nas visitas guiadas de Moaña?

Aínda que estas visitas guiadas son de balde, é preciso anotarse previamente ante o número limitado de prazas. Todas as persoas interesadas deberán inscribirse previamente no 611 08 08 53 ou a través do correo electrónico de ailladosratos@gmail.com. 

A Asociación Cultural A Illa dos Ratos, encargada das visitas, conta cunha ampla experiencia na organización destas visitas turísticas en Cangas, municipio onde comezou a súa actividade en xaneiro de 2016. Na actualidade, o colectivo está formado por 14 persoas, entre as que se atopan especialistas en turismo ou educación ambiental.

Salir de la versión móvil