A comitiva das ánimas chega a Tui na andaina da Santa Compaña

Publicidad

Xa ben entrada a noite un cheiro a cera queimada rodea o camiño e o vento comeza a zoar máis forte. As follas das árbores móvense bruscamente e fronte a nós unha procesión de ánimas en pena faise realidade. A Santa Compaña é unha figura habitual do folclore galego e, nesta noite de venres, 1 de setembro, aparecerase en Tui.

Por sétimo ano consecutivo, a parroquia tudense de Rebordáns celebra a andaina nocturna da Santa Compaña, ambientada nunha escenografía de medo, busca facer pasar un bo rato aos participantes que percorrerán, como a comitiva de ánimas, os camiños da parroquia.

Aínda que o percorrido permanece en segredo, a escenografía estará ben preparada con diferentes elementos de terror. Quizáis os preto de 500 participantes que se esperan poderán albiscar algunha bruxas ou trasgo nos cinco quilómetros que percorrerán durante a noite.

A actividade comezará ás 22:00 horas dende o Parque do Montiño e terá un custe de 6€ para adultos e 1€ para os menores de 12 anos.

Como anotarse?

Os interesados poden mercar a súa entrada fisicamente na tenda Goloso, de Tui, ou ben chamar ao 660 682 365. Aínda que a dificultade é baixa durante os 5 quilómetros de percorrido, a organización porá a disposición dos participantes un “coche escoba”.

Actividades ao remate

Unha vez finalizado o percorrido nocturno, todos os asistentes poderán desfrutar dun chocolate quente gratuíto e dunha queimada coa que espantar aos mouchos, coruxas, sapos, bruxas, demos, trasgos e diaños que puideran terse unido no percorrido.

Salir de la versión móvil