Coñece A Guarda con estas visitas guiadas de Semana Santa

Publicidad

O departamento de Turismo do concello baixomiñoto celebrará estes días de Semana Santa diversas visitas guiadas e actividades de ocio que permitan coñecer o patrimonio natural e artístico do municipio.

O sábado, 31 de marzo, os visitantes poderán ralizar unha ruta guiada polo casco histórico da vila, coa que coñeceren a historia da Guarda a través do seu patrimonio e percorrendo as rúas e prazas do casco antigo, incluído o Castelo de Santa Cruz. Esta visita terá unha duración de 60 minutos e sairá ás 12:30 horas dende a Praza do Reló, na Oficina Municipal de Turismo.

Pola súa parte, tanto este venres como o sábado, o Castro do Trega acollerá varias visitas guiadas de 30 minutos de duración a través dun dos xacementos castrexos mellor conservados de Galicia. Os percorridos arrancarán dende a explanada da Casa Forestal ás 11:00, 12:00, 13:00, 16:00, 17:00 e 18:00 horas.

Ambas dúas iniciativas son gratuítas e non precisan de inscrición previa. Deste xeito, as persoas interesadas en coñecer máis polo miúdo o patrimonio e a historia do Monte Santa Trega e o casco urbano guardés, deberán presentarse á hora de comezo de cada ruta no punto de encontro sinalado.

Por outra parte, na proposta cultural durante esta Semana Santa compre ter en conta a Rede de Museos da Guarda. Así, o Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT) permanecerá aberto de martes a domingo en horario de 10:00 a 20:00 horas, namentres o Museo do Mar abrirá as súas portas entre o xoves e o domingo en horario de mañá (11:00 a 14:00 h) e tarde (16:00 a 19:00 h). Pola súa parte, o espazo público do Castelo de Santa Cruz ampliará o seu horario de apertura de 10:00 a 20:00 horas. Na fortaleza guardesa, as persoas que se acheguen poderán gozar da mostra escultórica "Nado en pedra", realizada polo alumnado da Escola de Cantería de Pontevedra.

Traxes rexionais e deporte

Durante a próxima semana, máis de 700 campistas de toda España visitarán A Guarda co gaio da 60ª Acampada Nacional da Federación Española de Clubs Campistas (FECC), que terá lugar no Camping Santa Tecla entre o 24 de marzo e o 1 de abril. Dentro da intensa programación dos visitantes, destaca o desfile de traxes rexionais que se celebrará o xoves 29 de marzo. Nel, os campistas sairán da Alameda agrupados por Comunidades Autónomas para amosar a vestimenta tradicional de cada unha delas. O desfile rematará no Auditorio de San Bieito, coa inauguración oficial da acampada e a recepción dos campistas na Guarda.

Horario da Oficina de Turismo

A Oficina Municipal de Turismo, situada na Praza do Reló, abrirá dende o luns 26 ata o sábado 31 de marzo cun horario ampliado, isto é, de 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:00 horas. Para máis información, as persoas interesadas poderán achegarse á oficina, contactar co departamento de Turismo a través do teléfono 986 614 546 e/ou o correo electrónico turismo@aguarda.es.

Salir de la versión móvil