O Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor, en Nigrán, organiza o vindeiro domingo, 17 de setembro, unha excursión ao interior da provincia de Pontevedra. A viaxe, ao abeiro do programa En Ruta coa Depo, da Deputación de Pontevedra, percorrerá o concello de Silleda.
Nomeadamente, os participantes visitarán o Castro de Toiriz, un xacemento arqueolóxico da Idade do Ferro que non foi escavado, pero que conta con mesas explicativas do mesmo. Tamén acudirán ao Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, construído no século X e no que, segundo conta a lenda, venerouse unha espiña da coroa de Xesús, roubada no ano 1550.
Este mosteiro é famoso por ser habitual nas rodaxes de cinema e televisión. Alí foi gravada a película “La Ley de la Frontera” (1995, Adolfo Aristarain) ou a serie de televisión Piratas (2011, Telecinco). Recentemente o Mosteiro foi noticia pola rodaxe do videoclip “Noche y día” de Enrique Iglesias.
A impoñente Fervenza da Toxa, parte do sistema Fluvial Ulla-Deza, e os escenarios da serie “El final del Camino” serán outros dos puntos que visitarán os asistentes.
Como participar na excursión?
Para anotarse é necesario chamar ao teléfono do centro cultural, 628 986 597. A viaxe ten un custe de 12€ para adultos e 8€ para menores de idade e inclúe a comida. A excursión sairá en autobús ás 8:00 horas do día 17 dende o Centro Cultural Parada do Miño e contará con parada no centro de Nigrán.