As salinas de Ulló e as Illas Cíes non terán segredos para ti (se te sumas a este plan)

Publicidad

Sabías que en Vilaboa existen unhas salinas do século XVII? Coñeces ás 49 especies de aves nidificantes propias das Illas Cíes? Se non te queres perder algúns dos recunchos máis atractivos da ría de Vigo, podes anotarte até o 4 de setembro na andaina organizada pola Deputación de Pontevedra ás Salinas do Ulló e as Illas Cíes.

Trátase dunha actividade que se engloba dentro das “Depo Andainas” e que permite aos veciños e veciñas da provincia coñecer o seu entorno natural e patrimonial da man de guías á vez que se pasa unha xornada de ocio e esparcemento.

Cando será a andaina ás salinas do Ulló e ás Illas Cíes e que podo ver?

A actividade, na que poden participar até 300 persoas, terá lugar o domingo, 10 de setembro. Comezará ás 09.00h con Vilaboa coma punto de partida. Desta maneira, a terceira parada destas “Depo Andainas” iniciarase cunha ruta polas Salinas do Ulló. Posteriormente, tras visitar o Miradoiro de Aves, un bus recollerá aos participantes para levalos ao porto de Cangas, dende onde sairán cara ás Illas Cíes.

As salinas do Ulló datan do século XVII

Xa na illa principal haberá un xantar nos merendoiros entre as praias de Rodas e Figueiras e despois dun pequeno descanso comezará a subida ao Alto do Príncipe (Monte Agudo), unha das rutas máis simbólicas e que permite gozar das mellores panorámicas desde un Parque Nacional único en España. Ao remate, haberá a opción de seguir en ruta ata o Faro de Portas, na parte sur da illa pasando pola Lagoa dos Nenos, ou de quedar na marabillosa praia de Rodas.

Durante a actividade, que durará aproximadamente ata as 20.00h, impartirase un obradoiro ornitolóxico sobre as aves do ecosistema das Illas Atlánticas no que se incluirán técnicas para a observación e claves para a identificación de aves, tanto en voo como en terra. Ademais, os participantes poderán recibir un obradoiro de introdución en técnicas de fotografía de aves en voo, medio mariño e terrestre.

Até cando podo anotarme?

Tes até o venres, 4 de setembro, para inscribirte nesta “Depo Andaina”. Para facelo soamente debes cubrir o formulario dispoñible aquí e entregalo no rexistro xeral da Deputación de Pontevedra.

Que prezo ten?

A andaina é unha actividade totalmente gratuíta que non implica ningún custe de participación.

Cal é a súa duración?

Esta visita celebrarase ao longo de todo o domingo en aproximadamente 9 horas que permitirán percorrer 12 quilómetros nun roteiro de dificultade baixa.

Onde é o punto de saída?

A ruta sairá ás 9:00 horas dende Vilaboa, pero a Deputación de Pontevedra porá a disposición dos participantes autobuses con saída dende a Praza de España de Vigo (7:30 horas) e dende a Praza de Galicia en Pontevedra (8:00 horas). As prazas están limitadas a 165 persoas.

Salir de la versión móvil