A Deputación de Pontevedra vén de abrir este luns 29 de xullo o prazo de inscrición para a segunda das sete DepoAndainas programadas na nova edición desta iniciativa, que ten por obxectivo fomentar hábitos de vida saudable e promover o turismo.
Esta segunda ruta terá lugar o día 11 de agosto e consistirá nun paseo fluvial polas marismas de Catoira, no que as persoas participantes poderán coñecer lugares de interese como as torres do Oeste e a paisaxe da zona, formada por bosques espesos, marismas e praias fluviais, onde os muíños de vento resultan habituais.
No itinerario, só de mañá, as persoas inscritas poderán trasladarse á Catoira en autobús (as saídas serán desde a praza de Galicia de Pontevedra e a praza de España de Vigo), e terán un tempo de descanso despois da ruta para que podan afondar nos recursos turísticos da zona. Neste mesmo eido, durante a andaina, tamén se lles achegará información relativa a aspectos do patrimonio cultural e histórico.
Como no resto das DepoAndainas, ofértanse 300 prazas, dirixidas a persoas de toda a provincia, independentemente da súa idade. Ademais, o Concello de Catoira poderá ofertar outras 50 prazas adicionais.
Como anotarse?
As persoas interesadas en participar neste percorrido deberán cumprimentar o impreso de solicitude na páxina web da Deputación, con data límite do vindeiro 7 de agosto.
Hai que lembrar que aínda está aberto tamén (finaliza o mércores, día 31 de xullo) o prazo de inscrición para a primeira das DepoAndainas, a ruta pola Fervenza do Toxa no Concello de Silleda, que se celebrará o 4 de agosto.