Este domingo, 29 de outubro, os que se acheguen até Ponteareas poderán descubrir parte do patrimonio natural do municipio nun roteiro que permite desfrutar das zonas que escaparon do lume. A andaina, que percorrerá 13,5 quilómetros, partirá ás 10:00 horas da mañá da Praza Maior e discorrerá por camiños tradicionais.
En concreto, os participantes cruzarán por San Roque para dirixirse á senda do río Tea ata a desembocadura do río Uma, pasando por Angoares. Dende ese punto, o roteiro sigue polo Uma ata a estrada que vai a Salvaterra seguindo o curso do río e pasando pola Ponte Cabalón, Fontenla subindo polo Penedo dos Namorados ata chegar ao Penedo do Equilibrio, continuando logo polo barrio da Serra en Arcos e de aí pasar polo barrio de Areal e chegar ao convento de Canedo para xa internarse no regato da Venda e subir ata á Praza Maior por San Gregorio.
A andaina é totalmente gratuíta e as interesadas e interesados soamente deberán achegar alimentos e artigos de hixiene persoal para o Centro de Reparto de Alimentos Municipal, que serán entregados antes do comezo. Aínda que de balde, é necesario inscribirse previamente nesta ligazón.
Antes do inicio explicaranse os lugares polos que transcorre a camiñada, destacando os puntos de interese paisaxístico, medioambiental e cultural.
O tramo longo, afectado pola vaga de lumes
O Concello de Ponteareas viuse na obriga de suspender a modalidade do tramo longo desta andaina que tiña un percorrido previsto de 25 quilómetros xa que discorría por zonas moi afectadas polo lume. Arestora, o Concello atópase á espera dos informes técnicos que avalíen como actuar na zona namentres se evita o paso masivo de grupos para non degradar máis o espazo natural.