Descubre Moaña regresa con 15 rutas guiadas gratis por fragas, canteiras e patrimonio histórico

Publicidad

Un dos programas de visitas guiadas gratuítas máis valorados das Rías Baixas regresa este verán cunha nova batería de propostas, a máis importante dos últimos anos, con até 15 rutas programadas ao longo do verán en Moaña.

O programa municipal Descubre Moaña, que naceu co gallo de descubrir o patrimonio moañés para a veciñanza e para os turistas volve con forza este verán con catro saídas guiadas en xuño, catro en xullo e sete en agosto.

Segúndo explica a concelleira de Turismo e Promoción Económica, Coral Ríos, as visitas estarán condicionadas pola normativa antiCovid da Xunta de Galicia, polo que o número de participantes estará condicionado pola mesma. "Cada saída contará con dous grupos de oito persoas, que irán separados e con guías diferentes, pero iremos actualizando o número de participantes segundo a autoridade sanitaria flexibilice os aforos máximos", asegura Ríos. Así, en cada andaina haberá tamén lista de agarda para contar coa posibilidade de ampliala e permitir a máis persoas gozar das visitas.

As visitas repetirán algunhas das máis populares entre os 900 participantes que fixeron algunha das rutas. Así, este verán, será posible descubrir a Moaña literaria de "O último barco", as canteiras do litoral, a Moaña mariñeira, o barrio histórico de San Martiño, o sendeiro da Fraga e o sendeiro de Rialdarca. A maioría sairá ás 10:30 horas do punto de inicio marcado, namentres que dúas delas, no mes de agosto, contarán con versión no luscofusco con inicio a partir das 20:00 horas.

Para poder anotarse é preciso enviar unha mensaxe de WhatsApp ao teléfono 611 080 853 indicando o número de participantes e a ruta na que se desexa participar.

Ruta literaria “O último barco”

Igrexa de San Xoán, en Tirán // FREECAT

O turismo literario ocupa un papel fundamental nesta nova proposta de “Descubre Moaña”. Non é para menos. “O último barco”, o terceiro libro de Domingo Villar, é un éxito a nivel galego e nacional. Xente de tódalas partes ten curiosidade por visitar os escenarios da última aventura de Leo Caldas. Neste caso, os guías de A Illa dos Ratos levarán aos participantes por lugares fundamentais na novela como a Igrexa de San Xoán de Tirán, o Mirador da Moma ou o Marusía, o restaurante que namorou a Leo Caldas.

Datas: 6 de xuño, 4 de xullo e 8 de agosto. Todas ás 10:30 horas.

Sendeiro de Rialdarca

Os amantes da natureza teñen nesta ruta unha nova forma de coñecer esa Moaña “verde”. O sendeiro Rialdarca non será soamente un encontro coa naturaeza, senón que tamén haberá protagonismo para o patrimonio etnográfico que contén este emprazamento, un lugar no que os membros de A Illa dos Ratos explicarán historias sobre esta senda que conectaba Moaña fai bastantes anos. Durante o percorrido, que terá unha duración aproximada de 90 minutos, explicarase, por exemplo, a utilización dos muíños, infraestruturas que forman parte deste tesouro medioambiental da vila morracense

Datas: 18 de xullo, 28 de agosto. Todas ás 10:30 horas.

Canteiras do Litoral de Moaña

Ao longo do percorrido os asistentes descubrirán a historia que agochan as antigas canteiras do litoral de Moaña e que foron a orixe do crecemento económico e social da vila. Co paso do tempo e o desmantelamento das canteiras, eses novos espazos serviron de ubicación para novas actividades empresariais relacionadas co mar, como no caso do estaleiro ASCON ou de Conservas A Guía.

Datas: 13 de xuño ás 10:30 horas e 6 de agosto ás 20:00 horas.

Sendeiro da Fraga

Este percorrido de catro quilómetros, que arranca na desembocadura do río no areal da Xunqueira, continuará para dar a coñecer a importancia dos ríos, do seu ecosistema e do uso dos muíños. De feito, este sendeiro conta con até unha trintena de muíños que noutra época eran de vital importancia na agricultura do Morrazo.

Datas: 11 de xullo e 15 de agosto. Ás 10:30 horas. 

San Martiño

A visita apenas nos obrigará a camiñar, xa que soamente percorreremos a contorna da igrexa. Os asistentes descubrirán a historia das casas e como apareceron aí e outros elementos propios dun dos barrios senlleiros do municipio.

Datas: 27 de xuño, 25 de xullo e 21 de agosto. Ás 10:30 horas.

Moaña Mariñeira

Ao longo deste percorrido polo litoral entre o Porto de Moaña e o Porto de Meira os asistentes coñecerán detalles dos inicios da pesca tradicional, a historia do Pósito de Moaña e a figura do seu impulsor ou algúns dos naufraxios máis importantes que afectaron ás familias de Moaña.

Datas: 20 de xuño e 7 de agosto ás 10:30 horas | 5 de agosto ás 20:00 horas. 

 

Salir de la versión móvil