O inverno volverá a ser momento de saír aos camiños de Moaña para coñecer a historia do municipio morrancese. A concellería de Turismo e Promoción Económica, que dirixe Coral Ríos, volve apostar polas visitas guiadas de balde neste 2020 cun programa que chegará en catro episodios: inverno, primavera, verán e outono.
O programa, que se celebrou por vez primeira o pasado ano, repite despois da boa acollida de asistentes que acudiron a algunha das saídas programadas. “Pechamos o 2019 con máis dun millar de persoas e unha media de 32 persoas por ruta”, explica a concelleira delegada, Coral Ríos, quen aclara que para o tramo de inverno “búscase apostar polas rutas máis consolidadas”, polo que se repetirá as que mellor funcionaron no pasado ano para deixar as novidades para primavera e verán.
Ríos explica que se trata dunha “inversión magnífica que nos permite aos veciños e veciñas coñecermos a nosa historia á vez que anima a xente de fóra de Moaña a visitarnos e pasar o día”. Os roteiros, que se fai con guía da man da Asociación A Illa dos Ratos, acostuman ter unha duración contida e permiten descubrir os encantos do municipio a través dunha oferta de turismo activo cada vez máis popular. “Temos rexistrado participantes que se achegaron dende Santiago e quedaron durante a fin de semana”, asegura a concelleira de Turismo.
As rutas de Descubre Moaña en inverno prolongaranse durante os meses de febreiro e marzo e versarán sobre a parroquia de San Martiño, a Moaña mariñeira, as canteiras do litoral, as mulleres da Historia de Moaña e o sendeiro da Fraga. Todas serán de balde e arrancarán as 11:00 horas -a excepción da do Sendeiro da Fraga que, polas súas características de maior lonxitude comezará ás 10:30 horas-. Para poder asistir é necesario inscribirse previamente a través de WhatsApp 611 080 853 ou no correo electrónico ailladosratos@gmail.com
San Martiño
A visita apenas nos obrigará a camiñar, xa que soamente percorreremos a contorna da igrexa. Os asistentes descubrirán a historia das casas e como apareceron aí e outros elementos propios dun dos barrios senlleiros do municipio.
Celébrase os sábados 1 e 22 de febreiro e o domingo 22 de marzo.
Moaña Mariñeira
Ao longo deste percorrido polo litoral entre o Porto de Moaña e o Porto de Meira os asistentes coñecerán detalles dos inicios da pesca tradicional, a historia do Pósito de Moaña e a figura do seu impulsor ou algúns dos naufraxios máis importantes que afectaron ás familias de Moaña.
Celébrase o sábado 8 de febreiro e o domingo 1 de marzo.
Canteiras do Litoral de Moaña
Ao longo do percorrido os asistentes descubrirán a historia que agochan as antigas canteiras do litoral de Moaña e que foron a orixe do crecemento económico e social da vila. Co paso do tempo e o desmantelamento das canteiras, eses novos espazos serviron de ubicación para novas actividades empresariais relacionadas co mar, como no caso do estaleiro ASCON ou de Conservas A Guía.
Celébrase o sábado 15 de febreiro
Mulleres da Historia de Moaña
Neste roteiro ponse en valor o papel da muller dentro do desenvolvemento da sociedade e a vila de Moaña. Historias que paga a pena coñecer sobre figuras importantes con nome propio como Lela Soage, Elisa de la Peña, Lola Diz ou Concepción Arenal, fortemente vencellada ao municipio, que se mesturarán con alusións a colectivos máis anónimos como as peixeiras, as mariscadoras ou as carreiras.
Celébrase o sábado 7 de marzo
Sendeiro da Fraga
Este percorrido de catro quilómetros, que arranca na desembocadura do río no areal da Xunqueira, continuará para dar a coñecer a importancia dos ríos, do seu ecosistema e do uso dos muíños. De feito, este sendeiro conta con até unha trintena de muíños que noutra época eran de vital importancia na agricultura do Morrazo.
Celébrase o domingo 15 de marzo.