O inverno tamén é para descubrir os recunchos con máis encanto da contorna namentres realizamos turismo activo e ao aire libre. O Concello de Moaña vén de presentar unha nova edición das súas visitas guiadas de balde “Descubre Moaña”, que contarán cunha edición especial para o que resta de inverno antes de que regrese o programa de visitas da primavera.
As visitas guiadas repetirán algúns dos itinerarios de máis éxito das edicións anteriores e apostarán por un programa que permita atraer turismo a Moaña de xeito seguro, ao celebrarse ao aire libre, e sostible, ao ter un número máximo de participantes.
A primeira das rutas arrancará o domingo 13 de febreiro para centrarse na parroquia histórica de San Martiño, descoñecida por aqueles que soamente coñecen a Moaña costeira. A segunda visita terá lugar o sábado 25 e levará aos participantes até as canteiras do litoral e a súa apaixonante historia.
Xa en marzo, a concellería de Turismo programa outras catro saídas. Serán os días 6, 12, 13 e 20 de marzo coas visitas Mulleres da historia de Moaña, a Moaña Mariñeira, Sendeiro da Fraga e Intermareal de Tirán, respectivamente.
Cada unha das saídas contará con até 30 prazas e está organizada en colaboración con A Illa dos Ratos. As inscricións deben facerse a través de WhatsApp no teléfono 611 080 853.
“Queremos arrancar de novo paseniñamente para que se vaia normalizando a situación e despois retomaremos o programa habitual en primavera”, explica a concelleira de Turismo, Coral Ríos, quen recoñece o “éxito” do programa que esgota sempre todas as prazas dispoñibles. Soamente no ano 2021 participaron neste programa de turismo activo máis de 900 persoas. “Estamos traballando en novos itinerarios, que estamos xa documentando e esperamos estrear pronto”, avanza Ríos para sinalar que, se a covid o permite, celebraranse entre 40 e 45 visitas guiadas ao longo do ano.