O Concello de Moaña avoga pola responsabilidade individual da veciñanza e turistas para poder manter a distancia social nas praias do municipio. O goberno municipal, que instalará carteis coas normas de seguridade sanitaria recomendadas, pide aos usuarios que actúen con prudencia seguindo sempre as recomendacións establecidas. Con todo, o Concello non abrirá os baños públicos polo de agora por non poder asegurar limpezas varias veces ao día e pide á Xunta que axilice os pagamentos para facer fronte ás necesidades do coronavirus.
“A veciñanza está a gardar as distancias e non hai problemas nos areais a pesar de que estamos a ter mareas moi altas, a xente está a respectar”, explica a rexedora local, Leticia Santos. A alcaldesa lembra que o municipio conta con grandes areais como A Xunqueira que ademais dispoñen de amplas zonas verdes adxacentes, polo que se amplía enormemente a superficie para desfrutar do verán.
Con todo, o goberno municipal lémbralle á Xunta de Galicia que a vixilancia dos areais é unha competencia autonómica e pide que axilice as subvencións de contratación de socorrismo. Arestora o Goberno autonómico aínda non comunicou aos concellos estas axudas. Con todo, Moaña ten planificado xa o socorrismo nas praias da Xunqueira e O Con.
Con respecto ao sistema de cita previa, Santos explica que “é imposible de aplicar” e pregúntase como considera o Executivo autonómico que se pode controlar os accesos nunha liña de costa como a moañesa e cunha única patrulla de Policía Local.