Moaña, Cangas e Bueu crean a nova marca turística que potenciará o valor "máxico" do Morrazo

Cabo Home en Cangas e Senda do Río da Fraga en Moaña - iStock/Joaquin Ossorio-Castillo/M. A. Soutullo Alvarez

Publicidad

O Morrazo é natureza, historia viva, cultura e tradición oral. Esta é a imaxe que os tres municipios que conforman a comarca, Moaña, Cangas e Bueu, buscan potenciar dentro da súa nova estratexia turística, presentada este venres. Tradúcese nunha nova marca e en novas liñas de actuación. Os municipios queren potenciar o turismo de calidade, familiar e de respecto polo medio, cada vez máis en auxe.

A nova marca nace baixo o paraugas da Mancomunidade do Morrazo en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, que subvenciona parte da iniciativa, e de Fecimo. A nova marca pretende crear novos eixos de actuación cos que apoiar ademais a un sector que está a sufrir enormemente debido a pandemia do coronavirus. Ten un orzamento de 30.000 euros e crea dous produtos, o “Morrazo Natural” e o "Morrazo Máxico” ao que se suma o “Morrazo Cultural”.

“Buscamos potenciar o público familiar e apoiarnos no misticismo propio da nosa aterra que é moi rica en tradición oral” explica a presidenta da Mancomunidade e alcaldesa de Moaña, Leticia Santos.

O xeodestino do Morrazo nace cun estudo dos recursos naturais, que permita a convivencia entre turismo e respecto polos medio ambiente e a conservación natural. Porén, a parte máis innovadora da nova estratexia chega co produto turístico “O Morrazo Máxico”. A Mancomunidade pretende, a través da narrativa dos mitos, lendas personaxes do territorio, aportar unha visión emocional que permita a conexión da identidade e a cultura inmaterial co propio turista. Nunha aposta turística sobresaturada de sol e praia, O Morrazo amosa o seu poder diferenciador na autenticidade da súa propia cultura.

O xeodestino apoiase asemade no turismo de experiencia, co que atraer a aqueles que buscan coñecer pero tamén interactuar co destino. Entre as liñas que se fomentarán está o turismo industrial, o familiar e o turismo activo. Toda a nova estratexia traducirase agora nunha web que permitirá consultar os diferentes recursos e consultar guías sobre viaxes de fin de semana e experiencias naturais en calquera dos tres municipios.

Salir de la versión móvil