Moaña dará a benvida ao Nadal este mércores ao son da música

Publicidad

O Nadal chegará este mércores a Moaña da man do acendido do alumeado instalado xa ao longo das diferentes rúas, aínda que a programación que o Concello prepara para estas festas comezará un pouco antes, este mesmo domingo.

Este 2018 o concello do Morrazo preparou unha vintena de actividades dentro da programación de Nadal coa que amenizar este mes de decembro. As actividades comezan coa habitual chocolatada solidaria organizada pola Peña Motera Matapardales. Este ano será ás 16:00 horas do domingo, 2 de decembro, no pavillón da Xunqueira.

O mércores, 5 de decembro, o acendido das luces de Nadal estará acompañado do alumnado da Escola de Música Municipal ás 18:00 horas na Praza do Concello. A continuación, a troula trasladarase ao Parque de San Bartolomeu coa festa da Castaña Borralleira (20:00 horas).

Repite tamén o mercado solidario das protectoras de animais no alto da Praza de Abastos (8 e 9 de decembro) e o programa rechouchíos con actividades para os cativos.

Apalpador, Papá Noel e Reis Magos

Segundo avance o mes, as personaxes lendarias do Nadal visitarán o Concello para encher de ledicia e ilusión á rapazada. Así, o Apalpador virá dende O Courel para comprobar que os nenos e nenas tiveron un bo ano. Estará o 23 de decembro ás 12:00 horas na Praza de Abastos.

Esa mesma xornada chegará tamén Papá Noel con xogos variados, actividades infantís e até un photocall no alto da Praza de Abastos. A tarde de noiteboa estará amenizada pola charanga Moitamarcha (17:00 horas).

Por último, o 5 de xaneiro, os Reis Magos comezarán a súa cabalgata na Mosqueira ás 17:00 horas para recibir aos cativos a partir das 19:00 horas.

O cartel deste ano foi deseñado polo alumnado traballador do obradoiro de emprego "Moaña Moza", subvencionado polo FSE e a Xunta de Galicia e promovido polo Patronato Municipal Beiramar do Concello de Moaña.

Salir de la versión móvil