Nun ano marcado pola práctica paralización do sector turístico, o Concello de Moaña non cesou a súa actividade. O departamento que dirixe Coral Ríos aproveitou o tempo parado para actualizar e reformular as propostas turísticas á espera da reactivación do sector no 2021 coa chegada das novas vacinas ao longo do ano.
"Nesta pasada campaña de Turismo fixemos un labor de busca e redacción de ideas para difundir nos próximos veráns para ter material no futuro xa que confiamos na mellora da situación", explica a concelleira de Turismo.
Así, dende hoxe é posible xa acceder a dúas novas guías actualizadas. A primeira delas aproveita a figura do inspector Leo Caldas na súa investigación por Moaña ideada por Domingo Villar no xa superventas "O último barco". A guía permite percorrer os principais puntos visitados por Caldas no concello, seguindo as historias do libro.
A segunda guía ofrécenos visitas, plans e ideas para coñecer un municipio aberto ao turismo responsable, de natureza e familiar. Entre as ideas atópanse areais como a Videira, a Poza da Moura, o alto da Paralaia ou o barrio mariñeiro do Latón.
Estas propostas pódense atopar tanto na web municipal,onde é posible descargar o arquivo, como en formato impreso na oficina de turismo municipal. Están editadas en galego e castelán, foron elaboradas pola guía oficial e técnicas de turismo Cristina Rodríguez Hermelo. "Agradecemos a cristina o intenso traballo neste verán tan atípico ao saber adaptarse e reinventar a súa labor con gran profesionalidade", destaca Ríos.