Outono é un deses momentos do ano no que a natureza amosa o seu poderío. Agasalla paisaxes únicos, propios desta estación. Tras unha intensa axenda de eventos durante o verán, Moaña prepárase para esta nova etapa recuperando unha das súas propostas más importantes dos últimos anos. Trátase do programa “Descubre Moaña”, que para esta edición de outono ofrece un total de oito rutas guiadas gratuítas para percorrer, coñecer e gozar dos encantos que posúe a vila morracense.
Esta edición de “Descubre Moaña” será diferente ás outras. Non en canto os tesouros e xoias que ofrece, pero nesta ocasión dende o Concello de Moaña avanzan a este diario que en cada ruta haberá sorteos entre os asistentes. Entre os premios que un pode levar tras desfrutar de espazos como a Poza da Moura, San Martiño, o Sendeiro da Fraga ou os escenarios do libro “O último barco” de Domingo Villar pode obter gorras, bolsas especiais de “Moaña Son de Mar” e incluso algún libro da edición especial da última novela protagonizada por Leo Caldas.
Pero a gran pregunta ante esta nova tempada de “Descubre Moaña” é cales van ser os percorridos que poderemos gozar dende o 25 de setembro ata o 27 de novembro. O Concello aposta por dúas oportunidades para gozar da Poza da Moura, en Domaio, (25 de setembro e 23 de outubro) e completan esta serie de percorridos guiados e de balde “Canteiras do Litoral de Moaña” (1 de outubro), “Ruta literaria O último barco” (16 de outubro), “A Moaña Mariñeira” (29 de outubro), “Sendeiro da Fraga de Moaña" (30 de outubro), “San Martiño” (13 de novembro) e “Mulleres da Historia de Moaña” (27 de novembro). Todas as rutas comezarán ás 10:30, salvo as celebradas na Poza da Moura, cuxo percorrido arrincará ás 10:00 horas.
Estas oito rutas guiadas gratuítas de “Descubre Moaña” estarán conducidas por compoñentes da Asociación Illa dos Ratos. As persoas interesadas en gozar de calquera destes oito percorridos deben inscribirse previamente a través do WhatsApp do teléfono 611 080 853.