Regresan as rutas de visitas guiadas gratuítas que permiten coñecer Moaña dende outra perspectiva, máis alá do turismo de sol e praia de verán. A Concellería de Turismo, que dirixe Coral Ríos, volve a apostar neste comezo de ano polo popular programa de “Descubre Moaña”, que desta vez traerá media ducia de visitas ao longo de dous meses.
Dentro do obxectivo de potenciar o turismo activo e de proximidade, o concello morracense impulsa esta iniciativa que, nesta proposta de inverno, centrarase en itinerarios “seguros” que teñen en conta as posibles inclemencias meteorolóxicas e transcorreran por zonas chans, explica Ríos.
A primeira saída terá lugar este mesmo domingo, 5 de febreiro, para coñecer “a Moaña mariñeira”. A visita seguirá o camiño litoral entre o porto de Moaña e o de Meira e dará a coñecer os segredos da pesca tradicional ou algún dos naufraxios que sobresaltaron a vida dos veciños. O seguinte domingo, 12 de febreiro, os asistentes poderán coñecer o barrio de San Martiño, berce de Moaña que destaca pola súa fermosa igrexa cargada de historia.
Despois do parénteses de Entroido, as visitas regresarán o 26 de febreiro ás canteiras do litoral. Estes espazos foron a orixe do crecemento económico e social da vila, aínda que co paso do tempo foron desmanteladas e serviron para novas actividades relacionadas co mar. A visita permitirá coñecer este curioso pasado industrial.
Xa en marzo, o Descubre Moaña arrancará cunha ruta da man das “mulleres da historia” local o domingo 5 de marzo, mentres que o día 12 o "Sendeiro da Fraga" constará dun percorrido de catro quilómetros que arranca na desembocadura do río no areal da Xunqueira e percorre un ecosistema fluvial que destaca por contar cunha trintena de muíños. Por último, o programa de inverno finalizará o domingo 19 na Poza da Moura, un fermoso recuncho da vila que agocha multitude de historias e lendas.
Todas as visitas comezan as 10:30 horas, agás a derradeira do 19 de marzo, que se iniciará ás 10:00 horas. As inscricións poden facerse a través do WhatsApp de A illa dos Ratos (611 080 853).