Até este luns, 13 de novembro, teñen os maiores de Nigrán para anotarse na visita a Combarro, Pontevedra e Soutomaior que organiza o Concello o vindeiro mércores, día 15. Os interesados poden inscribirse de 9:00 a 14:00 horas na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán e as prazas serán cubertas por rigorosa orde de inscrición. O prezo da viaxe, que forma parte do programa de turismo social para a terceira idade, é de 17 € e inclúe autobús, entrada aos museos e xantar-baile. A hora de saída é ás 9.00 horas e o regreso estimado ás 20:00 horas.
A excursión inclúe unha visita ao conxunto histórico da vila mariñeira de Combarro (Poio) e visita o Museo de Pontevedra e ao castelo de Soutomaior. Posteriormente terá lugar un xantar-baile con música en directo nun restaurante de Arcade.
O Goberno local de Nigrán entende que viaxar "non só serve para descubrir lugares novos, senón que apórtanos moítisimos beneficios especialmente útiles para as persoas maiores, como a mellora do ánimo, aumento da creatividade, mellora da capacidade de resolver problemas, estimulación da actividade cerebral e reconstituínte da memoria e da atención".
Nese sentido, o alcalde de Nigrán, Juan González, deixa clara a súa aposta por este programa, "porque a todos estes beneficios hai que engadir que se socializarán e, en definitiva, faraos sentir máis felices e vitais”.