O Concello de Nigrán, Comunidade de Montes de Chandebrito e Asociación de Veciños 'O Castro' decidiron modificar os actos previstos polo 'II Aniversario dos Incendios' do 15 de outubro de 2017 en Camos e Chandebrito ante o pronóstico de fortes choivas o domingo de mañá.
Deste xeito, suspendeuse a andaina programada e trasladouse o xantar popular ao Pavillón do Colexio Estudio de Chandebrito, onde ás 12:30 horas terá lugar un acto de recoñecemento ás entidades colaboradoras na repoboación do monte comunal e no que tamén participará Alda Correia Carvalho, a presidenta da Cámara Municipal de Castiñeira de Pera, en sinal de irmandamento e solidariedade entre ambas localidades, xa que neste municipio portugués faleceron en xuño de 2017 un total de 47 persoas calcinadas nos seus vehículos mentras trataban de fuxir pola estrada N23.
O xantar popular está previsto que se inicie ás 14:00 horas e inclúe mexilonada ao auténtico estilo castrexo ou chourizos e castañas, paralelamente, actuará un grupo folclórico luso e o grupo de acordeóns 'Brisas de Bouzas'. Pola tarde, se a meteoroloxía o permite, realizarase unha visita aos lugares señeiros da parroquia.
Mantese tamén a presencia dos escultores do colectivo 'Arte no Queimado' Remigio Davila, Rosendo González e Juan Coruxo, que estarán a traballar nunha nova peza en madeira que, unha vez rematada, será trasladada ao 'Bosque da Memoria' ao carón do castro.
As parroquias de Chandebrito e Camos viviron o 15 de outubro un dos momentos máis tráxicos da súa historia ao sufrir uns gravísimos incendios que acabaron coa vida de dúas mulleres nunha evacuación fallida, Angelina Otero e Maximina Iglesias, e máis de 600 hectáreas arrasadas.