No verán Moaña é máis que sol e praia: volven os roteiros turísticos de balde

Publicidad

Verán, vacacións, sol, praia… os meses de estío son sinónimo de preguiza e descansar sen facer nada, pero tamén de turismo activo. Moaña retoma durante os meses de xuño, xullo e agosto xunto coa Asociación A Illa dos Ratos os seus exitosos roteiros guiados de balde que permiten coñecer e descubrir a historia e natureza do municipio.

Desta vez, os visitantes e veciños poderán desfrutar de cinco opción diferentes, escollidas entre as que mellor acollida tiveron nas pasadas edicións, segundo explicou este mércores a concelleira Coral Ríos na presentación do programa. Todas as visitas celébranse ás 11:00 horas.

A primeira das saídas terá lugar o domingo, 30 de xuño, para coñecer o barrio de San Martiño, un dos barrios senlleiros do municipio. Trátase dunha visita circular de apenas 1 quilómetro cunha duración de hora e media.

“A Moaña Mariñeira” poderá ser descuberta o domingo 7 de xullo. Ao longo deste percorrido polo litoral entre o Porto de Moaña e o Porto de Meira os asistentes coñecerán detalles dos inicios da pesca tradicional, a historia do Pósito de Moaña e a figura do seu impulsor ou algúns dos naufraxios máis importantes que afectaron ás familias de Moaña.

O percorrido a través das mulleres da historia de Moaña terá lugar o sábado, 20 de xullo. É unha das visitas de maior éxito e nos guiará a través de figuras importantes con nome propio como Lela Soage, Elisa de la Peña, Lola Diz ou Concepción Arenal, fortemente vencellada ao municipio, que se mesturarán con alusións a colectivos máis anónimos como as peixeiras, as mariscadoras ou as carreiras.

Presentación da edición de verán

O Sendeiro da Fraga, novidade nas rutas de primavera, regresa con dúas saídas o 28 de xullo e o 18 de agosto. Este percorrido de catro quilómetros, que arranca na desembocadura do río no areal da Xunqueira, continuará para dar a coñecer “a importancia dos ríos, do seu ecosistema e do uso dos muíños”. De feito, este sendeiro conta con até unha trintena de muíños que noutra época eran de vital importancia na agricultura do Morrazo.

Por último, a derradeira das visitas guiadas será a da Intermareal de Tirán, que se celebrará os sábados 3 e 31 de agosto. Esta é unha visita guiada moi interactiva, especialmente enfocada para toda a familia permitíndonos realizar un percorrido polas praias para coñecer a súa biodiversidade aproveitando para recoñecer bivalvos, crustáceos ou estrelas de mar.

Duración, hora de inicio e dificultade dos roteiros

Como participar nas visitas guiadas de Moaña?

Aínda que estas visitas guiadas son de balde, é preciso anotarse previamente ante o número limitado de prazas. Todas as persoas interesadas deberán inscribirse previamente no 611 08 08 53 ou a través do correo electrónico de ailladosratos@gmail.com.

Salir de la versión móvil