Moaña retoma unha das súas principais apostas turísticas que confirma o seu atractivo máis alá do sol e praia. A concellería de Turismo vén de anunciar a apertura dunha nova edición de Descubre Moaña, o plan de visitas guiadas turísticas gratuítas que acumula un extraordinario éxito.
Desta vez, na versión de primavera, e aproveitando a recuperación cada vez maior da normalidade prepandemia, o Concello busca “que comecen a espertar as gañas de que a xente veña a pasear con nós”, explica a concelleira Coral Ríos, para destacar que esta iniciativa achega visitantes que despois poden desfrutar do municipio. “É un motivo para vir a Moaña, coñecer a nosa paisaxe e desfrutar dunha moi boa xornada quedando a xantar na nosa boa hostalería”, sinala.
Así, as nove citas que se desenvolverán entre abril e maio programarán algunhas das rutas máis atractivas das que dispón o concello. Haberá tempo para coñecer a historia do municipio nunha visita a San Martiño, berce da actual Moaña, e tamén coñecer a franxa marítima dende unha nova perspectiva coa Intermareal de Tirán, “moi atractiva para familias con nenos e nenas”, apunta Ríos. Tamén se programará a ruta que sigue os pasos de Leo Caldas. Os que desexen afondar na natureza contarán co sendeiro de Rialdarca e máis o da Fraga, namentres que haberá tamén citas coas canteira de Moaña e a súa variante máis mariñeira.
Os interesados en anotarse deberán facelo a través de WhatsApp no número 611 080 853. As prazas son limitadas e acostuman esgotarse rapidamente. A continuación podes consultar cando se celebra cada ruta: