O Castelo de Sobroso recupera as visitas teatralizadas

Publicidad

A Deputación de Pontevedra porá en marcha a próxima fin de semana as anunciadas visitas teatralizadas ao Castelo de Sobroso que se desenvolverán o sábado 16 e o domingo 17, así como o venres 29 e o sábado 30 de xuño. Os días 16,17 e 30 de xuño a visita terá lugar ás 11,30 da mañá, mentres que o venres 29 será ás 5 da tarde.

O aforo é limitado para cada unha das visitas e o proceso de inscricións ábrese este martes na páxina web de Turismo Rías Baixas a través dun apartado que estará dispoñible a partir das 11:00 horas. Aquelas persoas que desexen participar na iniciativa teñen tamén á súa disposición, para calquera dúbida ou información adicional, os teléfonos 886 211 700 e 618 320 033.

As visitas teatralizadas diríxense ao público familiar e van xirar arredor de dúas figuras con historia no Castelo: Dona Urraca, que estivo presa en Sobroso e fuxiu por un pasadizo, e Pedro Madruga, quen reconstruíu o Castelo despois das revoltas irmandiñas. O obxectivo é achegar, sobre todo aos máis novos e novas, a historia de Galicia dun xeito ameno e divertido, así como amosar a natureza e a paisaxe do Castelo de Sobroso podendo gozar dunhas incomparables vistas do val do Tea dende as terrazas da fortaleza.

Así mesmo, durante a visita teatralizada, as persoas participantes poden realizar tamén a senda ambiental “Senda do Bosque Atlántico”, unha proposta diferente posta en marcha para poder coñecer a historia do castelo e da súa natureza a través de códigos QR que os e as visitantes poden ir descargando no seu percorrido.

O Goberno provincial enmarca estas visitas teatralizadas dentro da estratexia de posta en valor do Castelo de Sobroso e dentro da campaña “Somos Historias” que dedica o mes de xuño ao patrimonio inmaterial. A Deputación continúa así no seu obxectivo de converter o Castelo de Sobroso noutro importante foco de atracción de visitantes, ao igual que o Castelo de Soutomaior, no que este tipo de actividade foi un absoluto éxito.

Ata o momento, a Deputación leva investido máis de 525.000 euros na mellora da edificación e o acondicionamento do castelo de Sobroso, cuxos últimos traballos aínda visitaba o mes pasado a presidenta Carmela Silva e o alcalde de Ponteareas Xosé Represas. Estas últimas actuacións serviron para acondicionar, conservar e manter a edificación do castelo e nelas a institución provincial investiu 314.000 euros.

Salir de la versión móvil