Observación de estrelas para gozar dun outono de ceos despexados na Guarda

Publicidad

Aínda que organizar unha observación de estrelas xa entrado o outono podería ser unha actividade non exenta de riscos, a boa climatoloxía da que desfrutamos parece facernos apostar polo contrario. Quizais por iso, o Concello da Guarda organiza para o vindeiro sábado, 29 de setembro, unha noite de observación no alto do Monte Torroso, en Salcidos.

A actividade arrancará ás 21:00 horas cando os asistentes realicen unha pequena andaina, duns 2 quilómetros, que os levará até o punto de observación, no alto do Monte Torroso, a uns 400 metros de altitude, afastados de calquera contaminación luminosa.

Unha vez na cima, un membro da Agrupación Astronómica das Rías Baixas será o encargado de realizar unha aproximación didáctica ao firmamento, permitindo aos asistentes localizar os puntos máis destacables do ceo nocturno.

A observación terá unha duración aproximada de 70 minutos e é totalmente de balde. Esta actividade, limitada a 70 persoas, englóbase na celebración do Día do Turismo, que se celebra o 27 de setembro. No caso de que os ceos non estean despexados a actividade trasladarase a unha nova data.

Para anotarse é preciso escribir un correo a turismo@aguarda.es ou chamar ao 986 61 45 46 antes do venres 28 de setembro.

Salir de la versión móvil