Once visitas xerais sobre historia e patrimonio e outras máis temáticas centran o programa de visitas culturais gratuítas que organiza o Concello de Tui para o mes de decembro.
Tanto mañá sábado coma o domingo as visitas centraranse na época medieval. O sábado, 2 de decembro, o percorrido “As murallas medievais” realizarase a través dun paseo polas murallas fernandinas do século XII, no que os asistentes poderán ver tanto o perímetro amurallado coma outros elementos configuradores da personalidade da cidade en moitos dos tramos. Xa o domingo a visita “Cidade medieval” permitirá recoñecer o trazado medieval que perdura dende o século XII até a actualidade con moitas das vivendas e edificios que marcan ese período histórico.
A próxima cita será o martes, día 5, na que “As rúas gremiais” serán as protagonistas cun paseo pola rúas Cuenca, Entrefornos, San Telmo… que na Idade Media e até o século XIX mantiñan no seu nome as profesións dos distintos gremios.
O mércores 6 “O criptoxudaísmo en Tui” será o título da visita a realizar na que se poderá coñecer a presenza das familias xudeu conversas na cidade a partir do século XVII, a través das marcas de cruces e outros elementos que perduran en moitas vivendas. A “Arquitectura carceraria na cidade histórica”, a “Comuna xudía medieval”, “As prazas públicas da cidade histórica” e a “ Cidade medieval” será obxectivo das visitas previstas para xoves, venres, sábado e domingo.
O programa de visitas guiadas que comezou o pasado mes de xuño concluirá o día 16 co percorrido “A arte e o Nadal en Tui” cun paseo que nos achegará a distintos elementos do patrimonio tudense vinculado as festas de Nadal. Todas as visitas sairán ás 19.15h dende a Praza da Inmaculada e serán guiadas polo historiador tudense Suso Vila.
Programa previsto:
*Saída ás 19.15h dende a Praza da Inmaculada
Venres 1 – Cidade histórica
Sábado 2 – As murallas medievais
Domingo 3 – Cidade medieval
Martes 5 – As rúas gremiais da cidade
Mércores 6 – O criptoxudaísmo en Tui
Xoves 7 – Arquitectura carceraria na cidade histórica
Venres 8 – Comuna xudía medieval
Sábado 9 – As prazas públicas da cidade histórica
Domingo 10 – Cidade medieval
Venres 15 – Cidade histórica
Sábado 16 – A arte e o Nadal en Tui