Os "300 de Tui" guiarán ao Apóstolo no Camiño de Santiago

Publicidad

Rastrexando animais e guiándose pola sombra do sol, 300 persoas percorrerán o vindeiro domingo, 24 de setembro, o tramo do Camiño de Santiago Portugués entre Tui e O Porriño. E ti podes ser un deles!

A Deputación de Pontevedra organiza esta andaina de balde, que servirá para percorrer este tramo do Camiño de Santiago cun monitor caracterizado como o Apóstolo Santiago. O guía dinamizará a ruta facendo sentir ás persoas participantes a auténtica lenda do Camiño. O punto de partida será a Ponte Internacional sobre o Río Miño, en Tui, onde se iniciará a viaxe polo Camiño Portugués cara a Santiago.

No percorrido, os asistentes terán a oportunidade de ver o Parador de Turismo de San Telmo ou un dos fitos do camiño, a pedra que marca a distancia de 115,14 quilómetros para chegar a Compostela. As persoas participantes percorrerán o casco histórico de Tui, cheo de edificios emblemáticos como igrexas (a Catedral de Santa María, o Convento das Clarisas…), museos (como o diocesano, antigamente un hospital para persoas pobres e peregrinas), capelas ou o cárcere vello. Tras o circuíto urbano, a andaina trasladarase á parroquia de San Bartolomé de Rebordáns, cun impresionante cruceiro e un templo, e continuará cara ao punto de Ponte das Febres, sobre o arroio de San Simón.

Diversión e probas no camiño

Durante este percorrido circular de 10 quilómetro, cunha duración aproximada de entre 3 e 4 horas, desenvolveranse distintas actividades lúdico-deportivas como un breve obradoiro de identificación de rastros animais e outro de orientación natural. No último quilómetro do percorrido, as persoas participantes deberán empregar signos naturais, o Sol, ou métodos como o do reloxo para orientarse e atopar balizas con rastros animais.

O programa “Depo Andainas”, que vive este ano a súa segunda edición tralo cheo absoluto do ano pasado, cando se esgotaron as prazas, ten por obxectivo impulsar hábitos saudables, promover o turismo deportivo e de territorio, as actividades ao aire libre e poñer en valor a riqueza medioambiental, etnográfica, cultural e patrimonial da provincia de Pontevedra.

Salir de la versión móvil