Jules Verne visitou Vigo en varias ocasións. Unha delas foi en 1884 cando arribou co seu impoñente iate ao porto da cidade. Coa premisa desta visita, a brillante escritora viguesa Ledicia Costas –Premio Nacional de Literatura– publicou en 2016 “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta” na que se narra a vida secreta da cidade. Agora, vigueses e viguesas teñen a oportunidade de percorrer os mesmos escenarios que se relatan na obra.
Este sábado, 15 de setembro, Ledicia Costas será a guía de luxo para un roteiro que arrancará na Fortaleza do Castro e as súas impoñentes vistas, as mesmas que divisou o novelista francés, e continuará baixando a ladeira até adentrarse no Casco Vello. Organizada baixo o paraugas dos Roteiros Literarios da Deputación de Pontevedra, a visita permite coñecer “o Vigo real e tamén o literario”, nas verbas de Costas, unha declarada namorada da cidade na que naceu.
Vigo é, en opinión da escritora, “unha criatura poliédrica e marabillosa que medrou até alcanzar a idade adulta” e que agora todos podemos descubrir.
Na presentación da visita, no monumento aos Galeóns de Rande instalado no Castro, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, salientou o “amor profundo por Vigo” que se respira na obra de Costas e que tamén se poderá sentir no roteiro.
Aínda que as prazas están limitadas a 50 persoas e xa están totalmente esgotadas, Silva animou aos que o desexen a anotarse indicando que “aínda é posible participar”.
A visita guiada de Ledicia Costas pola cidade englóbase dentro dos Roteiros Literarios da institución provincial que buscan “que as cidades e as vilas amosen a literatura que encerran os seus recunchos”, nas palabras do deputado de Cultura, Xosé Leal.
Ao longo do mes continuarán estas visitas por Ribadumia, Meis e Barro (22 de setembro), Tui (29 de setembro) e Bueu (6 de outubro). Todos eles coas prazas xa esgotadas, aínda que a institución abrirá a man para que “se alguén ten interese aínda se poida incorporar”.
A tesoureira da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Marta Dacosta, amosou esta mañá a súa satisfacción polo éxito da iniciativa, que esperan volver a repetir xunto a Deputación o vindeiro ano xa que ofrecen “outra forma de coñecer unha cidade e de achegarse a literatura galega, normalizando a nosa lingua e cultura”.
Os interesados nestes roteiros gratuítos poden obter máis información no correo electrónico roteiros.cultura@depo.gal